A Xunta participa na 28º edición do certame de Tarxetas de Nadal de Special Olympics

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, fíxolle entrega ademais de catro vehículos para mellorar a atención aos seus usuarios

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, presidiu esta mañá o xurado que escolleu os traballos seleccionados no 28º certame autonómico de Tarxetas de Nadal de Special Olympics Galicia. Esta edición contou coa participación de 32 entidades de toda Galicia e presentáronse arredor de 915 deseños diferentes.

Este certame é unha das citas clásicas de Special Olympics Galicia e cada ano conta cunha gran aceptación entre todas as entidades da Comunidade que traballan no ámbito da atención ás persoas con discapacidade intelectual. A directora xeral felicitou os participantes e animounos a seguir demostrando cada día do que son capaces.

Ademais, Abeijón fíxolle entrega a Fademga e a Special Olympics de catro vehículos para mellorar a atención nos seus centros e que se enmarcan dentro da orde específica impulsada polo Goberno galego con este fin. En concreto, concedéronselle 114.000€ para facerse con dúas furgonetas e dous vehículos sostibles e enchufables.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023