A Xunta reforza o labor das Asociacións de defensa sanitaria gandeira fronte doenzas como a enfermidade hemorráxica epizoótica ou a lingua azul con axudas por 2,28 M€ no 2024

Responsables da Dirección xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuníronse hoxe con representantes destas entidades, que desenvolven os programas facultativos de prevención e control de doenzas animais

Por parte da Consellería do Medio Rural expuxéronse as xestións que está levando a cabo a Xunta para reclamar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que lidere e coordine un plan nacional fronte a EHE

Destacouse o esforzo da Xunta na loita contra a lingua azul, a través dunha campaña masiva de vacinación que continuará no 2024 cunha achega mínima de 2 millóns de euros, que se suman aos 2,4 M€ investidos este ano nestas tarefas
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Responsables da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuníronse esta mañá en San Caetano con representantes das asociacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) de Galicia. Na xuntanza púxose en valor o feito de que a Xunta destinará 2.280.000 euros o vindeiro ano ás axudas para estas agrupacións, o que supón 130.000 euros máis que nas últimas convocatorias, é dicir, un incremento no orzamento de preto dun 6 %.

A achega destes fondos servirá para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia de enfermidades animais.

Nesta liña, o motivo concreto deste encontro de traballo foi o de reforzar a colaboración entre a Consellería do Medio Rural e estas entidades en materia de sanidade animal, máis concretamente na loita contra diferentes doenzas que afectan o gando, como son a lingua azul e a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

Plan nacional fronte a EHE

En relación con esta última, explicáronselle aos responsables das ADSG as xestións que está levando a cabo a Xunta para reclamar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que lidere e coordine un plan nacional fronte esta enfermidade, máis alá das medidas restritivas que veñen adoptando as comunidades autónomas -entre elas Galicia-.

Así, lembrouse a necesidade de avanzar na loita pola homologación da vacina desta enfermidade en Europa, unha competencia que corresponde ao MAPA. Ademais, Galicia segue instando ao Goberno central a liberar fondos para sufragar dita vacinación, así como para compensar os danos producidos no gando, a dotar a correspondente póliza de agroseguro e a estudar axudas polos seus efectos no marco da PAC.

Lingua azul

Con respecto á lingua azul, nesta reunión puxéronse en valor os esforzos da Xunta na materia. Así, recordouse que a Consellería do Medio Rural iniciou a vacinación desta enfermidade o pasado mes de marzo, cunha campaña masiva na que se investiron 2,4 millóns de euros e na que participou persoal propio, contratado, veterinarios das ADSG e clínico privado. En total, ata a o día de hoxe vacináronse 368.000 animais. Así, actuouse en case 9.400 explotacións bovinas, con 296.000 animais vacinados, e en máis de 6.000 ovinas, con 72.000 animais vacinados.

Nesta liña, a Xunta continuará en 2024 con esta campaña de vacinación -dotada inicialmente con outros 2 millóns de euros- abranguendo todo o territorio de Galicia, trala inclusión o 13 de novembro de toda a comunidade como zona restrinxida do serotipo 4 da lingua azul, e polo tanto de vacinación obrigatoria. O desenvolvemento desta campaña é fundamental, para ter protexidos os animais no momento en que finalice o período libre de vector, previsiblemente a finais de abril, e porque a partir dese momento volverán existir restricións ao movemento dos animais sen vacinar.

Galicia, estacionalmente libre do vector

Neste mesmo sentido, cómpre lembrar que -en gran parte grazas a todo este operativo- dende o pasado día 15 de decembro toda Galicia está considerada como zona estacionalmente libre do vector transmisor da lingua azul. A consecuencia principal desta medida é que non se aplican temporalmente as limitacións ao movemento das especies sensibles que se manteñen o resto do ano.

Así, permítese o movemento de bovinos e ovinos sen vacinar e sen ter como orixe unha explotación vacinada, sendo o único requisito para o movemento de animais de especies sensibles que non presenten signos da enfermidade.

En todo caso, Medio Rural insiste en que, independentemente desta non esixencia de vacinación previa ao movemento mentres continúe o período libre de vector, considérase fundamental continuar coa vacinación de bovinos e ovinos neste período sen transmisión da enfermidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023