A Xunta facilita ao Consello de Contas o acceso á carteira de servizos dixitais da administración electrónica

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Consello de Contas formalizaron esta colaboración coa sinatura dun convenio

A Administración autonómica promove compartir aplicacións e infraestruturas dixitais para impulsar a dixitalización das administracións públicas, evitando a duplicación de infraestruturas e investimentos

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

O Consello de Contas súmase ás entidades públicas que acceden á carteira de servizos e infraestruturas dixitais que a Xunta pon á disposición das Administracións autonómicas. Esta colaboración formalizouse a través dun convenio, asinado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e o Conselleiro Maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro.

Grazas ao acordo, o Consello de Contas poderá empregar servizos chave da administración dixital como a plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que posibilita a consulta de datos e documentos entre diferentes administracións; o sistema de notificacións electrónicas Notifica.gal; o Rexistro Electrónico de Apoderamentos, que permite ás persoas físicas e xurídicas outorgar poderes a outras persoas ou entidades para actuar no seu nome nas relacións ante as administracións públicas; as plataformas de contratos e licitación e o sistema de facturación electrónica, ademais doutros que se poidan engadir.

O convenio contempla, tamén, a posibilidade de que o Consello de Contas se adhira a acordos marco xestionados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, nos que actúa como departamento de contratación centralizada.

A Xunta apostou hai máis dunha década por compartir recursos e infraestruturas entre administracións para evitar duplicar esforzos e investimentos e axilizar a implantación da administración dixital tanto a nivel local como autonómico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023