O piloto de motos Eduardo Iglesias será de novo abandeirado de Galicia Calidade no Dakar 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe un encontro en Silleda co monfortino, que será o primeiro galego en encadear cinco citas consecutivas nesta proba

Silleda (Pontevedra), 20 de decembro de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, mantiveron hoxe un encontro en Casa de Cacheiro (Silleda) co piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, que será o primeiro galego en encadear cinco citas consecutivas do Dakar.

O deportista do Team Monforte Rally contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, a través de Galicia Calidade e a Secretaría Xeral para o Deporte. No encontro salientouse que o feito de que Eduardo Iglesias sexa abandeirado do selo Galicia Calidade no Dakar 2024 permitirá tanto reivindicar o talento do deporte e dos deportistas galegos, ao tempo que permitirá levar o nome de Galicia Calidade a nivel internacional, contribuíndo así á proxección exterior da Comunidade.

O apoio da Xunta supón preto de 21.000 euros, o que contribuirá a promocionar Galicia nunha das probas máis duras e máis populares do mundo. O rally Dakar 2024 celebrarase en Arabia Saudita do 5 ao 19 de xaneiro, e componse dun prólogo e 12 etapas.

Cómpre salientar que o Dakar 2024 contará con outros tres galegos. Tamén na categoría de motos competirán Javier Campos e Fran Gómez Pallas, que correrá a proba nunha moto eléctrica. Por outra banda, Ricardo Ramilo repetirá na categoría T4 de vehículos lixeiros. Todos eles son deportistas patrocinados pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Galicia Calidade é a marca que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merecen esta distinción. Na actualidade, conta con 168 empresas adheridas, con 855 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023