O secretario xeral técnico de Educación e o director xeral de Centros e Recursos Humanos fan entrega do material no Centro de Formación e Recursos da cidade

A Xunta inicia en Ferrol o reparto dos 5.000 primeiros kits de actividades pedagóxicas para traballar nos Polos Creativos

O Instituto Sofía Casanova e o Colexio de Esteiro son dos primeiros en recibir este material innovador cunha finalidade didáctica

Educación inicia este curso a expansión dos Polos Creativos ao 100% dos centros tras o bo funcionamento dos 225 que se puxeron en marcha o pasado 2022-23

Ferrol, 29 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia vén de iniciar en Ferrol o reparto dos primeiros 5.000 kits de actividades pedagóxicas para traballar nos Polos Creativos dos colexios e institutos de toda Galicia que imparten as etapas de Infantil, Primaria e ESO.  

O Instituto IES Sofía Casanova e o Colexio CEIP de Esteiro foron os primeiros en recibir este material didáctico da man do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, e do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, no Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol. O resto de propostas de actividades irase distribuíndo a todos os centros educativos nas vindeiras semanas.  

Este material innovador que recibe cada centro están constituído por catro kits singulares específicos sobre pensamento de deseño, sobre autómatas de papel e sobre construción de estruturas autoportantes. Cada un deles contén propostas didácticas así como os materiais e pezas para poder desenvolver distintas actividades nos espazos dos Polos Creativos dos seus respectivos centros.  

Catro modalidades

As propostas foron desenvolvidas por equipos de expertos en cada materia. Así pois, o kit singular sobre pensamento de deseño foi desenvolvido polo grupo DESIRE da Universidade de Vigo, un grupo de investigación especializado nesta área. O de construción de estruturas autoportantes desenvolveuse a través do Centro de Investigación en Enxeñaría Civil da Universidade da Coruña, CITEEC, e o de autómatas de papel e de dinosauros están elaborados por fabricantes recoñecidos neste campo.

Este reparto de material didáctico é complementario á estratexia da Xunta de Galicia de iniciar, este curso, a expansión dos Polos Creativos ao 100% dos centros galegos que imparten ensinanzas regradas de Educación Infantil, Primaria e ESO, tras comprobar o bo funcionamento dos 225 que se implantaron o pasado ano académico. Isto supón a instalación deste espazos en máis de 1.200 centros, cun investimento próximo aos 19M€. Todos eles están dotados do correspondente material audiovisual, de electrónica e robótica, de tecnoloxía, téxtil ou de informática, con kits adaptados a cada nivel educativo.

Formación do profesorado

 

Ademais da dotación física, a Consellería de Educación pon o acento na formación específica dos docentes que se ocupan destes espazos de innovación, e onde os centros de formación do profesorado exercen un papel esencial.

Para tal fin púxose en marcha este ano a rede de Asesoría de Polos Creativos, conformada por 35 docentes que realizan labores de mentoring desde os CFR como é o caso do de Ferrol. Os profesionais desta Rede contan cun perfil técnico con experiencia previa na xestión destes espazos e con coñecementos pedagóxicos e tecnolóxicos especializados que permitirán ofrecer o apoio necesario para sacar o máximo rendemento ás capacidades de cada instalación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023