O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil pública autonómica de Porto do Son, acompañado do alcalde deste concello, José Luis Oujo

A Xunta ofrece ás familias do Barbanza máis de 800 prazas de 0 a 3 anos totalmente gratuítas

A medida supón un aforro de 2.000 euros ao ano para os fogares galegos

Porto do Son (A Coruña), 20 de decembro de 2023

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou hoxe o importante aforro de máis de 2.000 euros ao ano que supón para os pais a gratuidade implantada pola Xunta en todas as escolas infantís de Galicia e para o 100% do alumnado. Díxoo durante unha visita á escola infantil de Porto do Son, pertencente á rede pública autonómica. Ademais, o xerente aproveitou a visita para repasar co alcalde do concello, José Luis Oujo, as recentes melloras levadas a cabo no centro, entre outras a colocación de novos estores.

Perfecto Rodríguez sinalou que, a través da gratuidade, a Xunta pon á disposición das familias que viven nos concellos da comarca do Barbanza máis de 800 prazas de 0 a 3 anos totalmente de balde. Ao respecto, lembrou que desta medida benefícianse xa desde o curso pasado todas as escolas da comunidade, con independencia de que a súa titularidade sexa autonómica, municipal, de iniciativa social ou privada.

O vindeiro ano 2024 a Xunta incrementa nun 9% o orzamento destinado a financiar a gratuidade, ata os 60 millóns de euros, para beneficiar a arredor de 31.000 familias. Galicia continúa sendo a única comunidade que oferta atención educativa de balde de 0 a 3 anos oito horas diarias de luns a venres e durante once meses ao ano.

Esta medida, que comezou a aplicarse no ano 2020 para segundos fillos e sucesivos e que desde o curso pasado está estendida a todos os fillos entre os 0 e 3 anos de idade, fai que Galicia sexa unha referencia nesta etapa educativa e na conciliación familiar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023