A Xunta investirá case 200.000 € no mantemento do inmoble de vivendas de promoción pública da rúa Teixugueiras 15-17, en Vigo

O Instituto Galego da Vivenda e Solo licitou as obras para reparar as xuntas de selado entre paneis da fachada e o illamento da carpintería das fiestras que estea deteriorado

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia destinará 195.003,48 euros a obras de mantemento do inmoble de vivendas de promoción pública construído nos números 15 e 17 da rúa Teixugueiras, en San Paio de Navia (Vigo).

Con tal fin, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) licitou a obra de mantemento e reposición de selados das fachadas no inmoble indicado. En concreto, os traballos consistirán na reparación de parte das xuntas de selado, que están deterioradas, entre os paneis que compoñen a fachada do edificio.

Tamén se repararán algunhas das xuntas que serven de illamento nas carpinterías das fiestras, previa retirada do material que estea en mal estado polo paso do tempo.

Cómpre lembrar que este inmoble foi construído polo IGVS, que é propietario no mesmo de 164 vivendas, adxudicadas en réxime de alugueiro. No mesmo tamén hai 35 vivendas cedidas gratuitamente pola Xunta ao Concello de Vigo.

As empresas interesadas en optar á licitación das obras poderán presentar as súas propostas ata o 19 de xaneiro de 2024

Data de actualización: 20/12/2023