Fabiola García lamenta que o Goberno central siga sen destinar nin un só euro á gratuidade das escolas infantís

Aclara que os fondos europeos non permiten nin financiar as prazas xa creadas, nin realizar reformas nos centros xa creados e fixan unha contía por praza insuficiente para a construción dunha nova escola infantil

Lembra que Galicia continúa a ser a única Comunidade coa atención educativa de 0 3 totalmente gratuíta durante oito horas ao día e once meses ao ano

O Goberno galego puxo a disposición dos concellos galegos dúas convocatorias para a creación de novas prazas municipais e deu resposta ao 100% das solicitudes

Sinala que se poderían ter concedidas moitas máis axudas, dado ao orzamento dispoñible, se non se limitase o uso destes fondos

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, lamentou esta mañá que o Goberno central siga sen destinar nin un só euro á gratuidade das escolas infantís. Fíxoo en resposta a unha interpelación no Parlamento galego sobre os fondos europeos para a creación de novas prazas de titularidade municipal de 0 a 3 anos que, lembrou, non permiten financiar esa gratuidade para as familias.

A conselleira valorou a posta a disposición por parte do Executivo central destes fondos europeos, pero, sinalou, que é importante aclarar que estes fondos non permiten nin financiar as prazas xa creadas, nin realizar reformas ou reparacións nos centros xa creados e limitan a contía do investimento por praza en 6.000 euros, unha cantidade insuficiente para a construción dunha nova escola infantil na era da inflación.

Fabiola García destacou que o Goberno galego cumpriu coa súa obriga e puxo a disposición dos concellos galegos estes fondos. En concreto, impulsáronse dúas convocatorias e deuse resposta ao 100% das solicitudes. Foron 27 os concellos solicitantes e 909 as prazas municipais que se porán en marcha. Con todo, a conselleira destacou que poderían ter sido moitas máis axudas, dado o orzamento dispoñible, se non se fixesen esas limitacións no uso dos fondos.

Líderes na escolarización 0 a 3

Neste sentido, apuntou que Galicia continúa a ser a única Comunidade Autónoma co 100% das escolas infantís gratuítas durante oito horas ao día e durante once meses ao ano. Unha gratuidade que, lembrou, é posible gracias ao compromiso do Goberno galego con esta etapa e a un investimento de 60 millóns de euros ao ano. A través desta medida, máis de 31.000 familias galegas aforan cada ano 2.000 euros na educación dos seus fillos e a nosa Comunidade conseguiu situarse como líder na taxa de escolarización de 0 a 3 anos en toda España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023