A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe na presentación do "V Informe Red Localis. Retos e desafíos de menor poboación"

A Xunta aposta por garantir a igualdade na prestación de servizos de calidade á cidadanía e con especial incidencia nos concellos de menor poboación

O documento advirte de que é preciso adoptar medidas para facer fronte ao despoboamento dos municipios de menos de 5.000 habitantes que en Galicia supoñen un 64 % do total

O informe sinala as causas da regresión demográfica e as actuacións necesarias para avanzar na cohesión social e territorial sen deixar atrás os retos das zonas rurais

Natalia Prieto lembrou que este texto é unha das iniciativas levadas a cabo pola Cátedra de Bo Goberno local no marco do acordo entre a Xunta e a Universidade de Vigo, que inclúe tamén a actualización da Lei de Administración Local de Galicia

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe na presentación do V Informe Red Localis. Retos e desafíos dos municipios de menor poboación, onde destacou a necesidade de que “as institucións teñan como obxectivo prioritario garantir a igualdade de oportunidades da cidadanía e a calidade na prestación de servizos públicos con independencia do lugar de residencia”.

Nesa liña, incidiu na importancia de reforzar tanto mediante a colaboración entre administracións como da “cooperación intermunicipal” a atención aos concellos de menor poboación e de áreas rurais, xa que son precisamente os que máis dificultades teñen para financiar e prestar servizos á súa poboación. Puxo como exemplos a agrupación de municipios para a prestación común de servizos, a promoción de redes locais, a modificación do sistema de financiamento local tendo en conta factores como o envellecemento ou a dispersión da poboación ou o reforzo do papel das deputacións provinciais cunha delimitación das súas competencias.

Na presentación do informe participaron os codirectores da Red Localis, Concepción Campos Acuña e Alberto Vaquero xunto coa coordinadora da rede, María Cadaval. O texto advirte de que é preciso poñer en marcha medidas que contribúan a frear o despoboamento dos municipios de menos de 5.000 habitantes, tendo en conta ademais que en Galicia o 64 % das entidades locais atópanse nesta situación. Deste xeito, o documento afonda nas causas da regresión demográfica e as medidas necesarias para avanzar na cohesión social e territorial “sen deixar atrás os retos das zonas rurais”.

O informe tamén sinala o papel das deputacións provinciais na asistencia ao desenvolvemento dos municipios máis pequenos en base a un marco autonómico e supervisor. Ademais, fai referencia ao Estatuto Básico de Municipios de Menor Poboación para mellorar a situación destes concellos máis pequenos. A Xunta destaca a transcendencia desta medida e de que o Goberno central avance nela para garantir a igualdade de oportunidades para a cidadanía con actuacións.

Cátedra de Bo Goberno Local

Cómpre engadir que a publicación do informe presentado hoxe enmarcase na cátedra institucional de Bo Goberno Local posta en marcha o ano pasado entre a Xunta e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora da Red Localis.

Como explicou a directora xeral de Administración Local, esta cátedra supón un espazo de reflexión e debate sobre as propostas de mellora no ámbito local para “avanzar cara unha administración do século XXI e facilitar o cambio de adaptación das entidades locais aos retos e demandas da sociedade actual”.

Ademais, no texto da Red Localis reflexiónase sobre a reforma da lei estatal reguladora das Bases do Réxime Local e tamén sobre a revisión e actualización do marco lexislativo autonómico en materia de administración local na que a Xunta está xa a traballar mediante un acordo coa Universidade de Vigo.

Na súa intervención, Natalia Prieto aclarou que para que as entidades locais sexan eficientes e evitar duplicidades, o Goberno galego continuará a promover as agrupacións de municipios para a prestación conxunta de servizos, así como as mancomunidades que ofrecen servizos e obras tamén de forma conxunta. Estas fórmulas -sinalou- pretenden consolidarse precisamente na modernización da Lei de Administración Local de Galicia.

O Goberno galego traballa noutras medidas coas que afrontar o reto demográfico xunto coa reforma da normativa autonómica. Por exemplo, co estudo coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas sobre a racionalización da planta local e a análise dos procesos de fusión municipais ou coa comisión técnica entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias que analiza os estudos previos de ambas institucións coa finalidade de chegar a acordos sobre a clarificación de competencias das administracións autonómica e local.

Por outra banda, para garantir a suficiencia financeira dos concellos, Natalia Prieto matizou que é preciso ter en conta criterios como o envellecemento ou a dispersión da poboación. Así, a Xunta garante desde 2011 a participación das entidades locais nos orzamentos autonómicos a través do Fondo de Cooperación Local, que en 2024 superará os 152 millóns, por riba dos 143 millóns deste exercicio, e dos que 112 millóns corresponden ao fondo base e os 39,3 millóns restantes ao fondo adicional, que volverá subir en case un 29 % despois do incremento histórico deste ano nun 135 %.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023