A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta tarde en Nigrán o centro de día e ocupacional Juan María

A Xunta consolida 4.050 prazas públicas de atención especializada a persoas con discapacidade intelectual a través do concerto social

Está aberta a convocatoria para que as entidades sociais que desexen prestar estes servizos de atención residencial e diúrna presenten as súas propostas

O Goberno galego financia en Nigrán 73 prazas nas instalacións que xestiona a Asociación Esperanza de Val Miñor

Nigrán (Pontevedra), 19 de decembro de 2023

A Xunta blinda a continuidade de 4.050 prazas de atención especializada a persoas con discapacidade intelectual distribuídas por toda a comunidade a través do concerto social, cuxa convocatoria publicouse onte no Diario Oficial de Galicia (DOG). A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, garantiu hoxe o apoio do Executivo autonómico ás entidades do terceiro sector para seguir mellorando os servizos neste ámbito e para achegar os coidados alí onde son necesarios. Así o sinalou na visita ao centro para a atención a persoas con discapacidade intelectual Juan María da Asociación Esperanza de Val Miñor.

Begoña Abeijón destacou os coidados que reciben os usuarios deste recurso asistencial, no que a Xunta financia 73 prazas: 28 no centro de día e 45 no centro ocupacional. Ademais, lembrou que este ano se lle concedeu á entidade unha axuda de 48.000 euros para a adquisición dun vehículo para o transporte dos seus usuarios.

Así mesmo, Begoña Abeijón sinalou que á convocatoria do concerto social no ámbito da discapacidade intelectual súmanse outras cinco, unha por cada tipo de discapacidade: enfermidade mental, dano cerebral, autismo, discapacidade física e parálise cerebral.

Máis de 100 millóns de euros

En total, son máis de 5.000 prazas de atención residencial e diúrna a persoas con discapacidade que a Xunta financia cun investimento de máis de 100 millóns de euros anuais. A través destas convocatorias de concerto, o Executivo autonómico consolida a rede pública de recursos para persoas con discapacidade, evita que os usuarios teñan que percorrer longas distancias para acceder a unha praza pública e dá maior estabilidade ás entidades sociais para que poidan manter no tempo servizos que son fundamentais para estas persoas e as súas familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023