O albergue de Allariz, nova incorporación á rede española de albergues xuvenís

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado participou na Asamblea deste ente, así como no Consello Reitor da ANE para abordar os programas Erasmus+ Xuventude e Corpo Europeo de Solidariedade para 2024

Madrid, 19 de decembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou este martes na Asamblea da Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), que conforman o conxunto de comunidades autónomas e na que, entre outras cuestións, se acordou a incorporación do Albergue de Allariz, xestionado pola Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Cómpre destacar que hai máis de 300 albergues en España adheridos a esta rede e máis de 4.000 en todo o mundo e, a maiores, formar parte da REAJ implica poder participar nos programas e iniciativas que anualmente se convocan, como son as liñas de axuda para a mellora da sostibilidade ou accesibilidade das instalacións.

Por outro lado, a directora xeral tamén participou no Consello Reitor da ANE (Axencia Nacional Española) para abordar os programas Erasmus+ Xuventude e Corpo Europeo de Solidariedade de cara ao ano 2024, conxuntamente co resto de comunidades autónomas e Injuve. Neste 2023, as cifras de concesión a entidades galegas alcanzaron os 58 proxectos, que mobilizaron máis de 1.800 participantes mozos e case 2 millóns de euros de financiamento.

Por último, o luns tamén tivo lugar un encontro con embaixadores do proxecto europeo de Diálogo coa Xuventude, proxecto no que participan mozos galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023