O conselleiro do Mar visitou o centro formativo na Illa de Arousa

A Xunta destaca que Galicia é referencia na formación profesional de calidade no ámbito marítimo pesqueiro cun papel fundamental na remuda xeracional

Villares destaca que o Igafa é desde o 2005 centro nacional de formación ocupacional na área formativa de acuicultura e no 2019 foi recoñecido como Centro de Referencia Nacional (CRN) nas áreas profesionais de acuicultura e mergullo

Na última década saíron dos centros dependentes da Consellería do Mar preto de 1.850 titulados profesionais en ensinanzas marítimo pesqueiras, medrando a matrícula desde o 2009 máis dun 60%

O Goberno galego convocou catro bolsas de dous anos de duración para titulados nos ciclos formativos de acuicultura para completar a súa formación en réxime de empresa tutelada
 

Illa de Arousa (Pontevedra), 19 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou que Galicia é referencia na impartición de formación profesional no ámbito marítimo pesqueiro poñendo en valor ca comunidade conte con dous centros de referencia nacional (CRN), un deles o instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O responsable autonómico, que fixo estas manifestacións durante a visita ás instalacións do centro formativo situadas no municipio pontevedrés da Illa de Arousa, indicou que ese recoñecemento é froito do bo facer dos centros formativos galegos. 

O titular de Mar sinalou a importancia de apostar pola formación de calidade para facilitar a incorporación de novos profesionais que teñen un papel fundamental na remuda xeracional e que aseguran o futuro do sector con traballadores coa mellor capacitación que son os que fan posible co sector pesqueiro galego sexa competitivo é líder a nivel europeo.  

Nesa liña recordou que nos Orzamentos do 2024, que está previsto que remate a súa tramitación parlamentaria esta semana, o seu departamento dedica o 5% dos seus recursos á formación nos catro centros dependentes da Consellería do Mar. Un investimento do que se beneficiaron preto de 1.850 titulados profesionais na última década, medrando a matrícula desde o 2009 máis dun 60%. 

O conselleiro tamén puxo en valor a convocatoria de catro bolsas para que os titulados nos ciclos formativos de acuicultura poidan completar a súa formación en réxime de empresa tutelada, a través de prácticas de produción de cría de bivalvos no Igafa. As catro bolsas teñen unha duración de dous anos cada unha e cada bolseiro contará cunha titoría que serán as encargadas de elaborar o plano formativo para os bolseiros.

Instalacións punteiras

No Igafa se imparte na actualidade o ciclo medio en Cultivos Acuícolas, o ciclo superior en Acuicultura e o ciclo medio en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas, sendo o único centro que ofrece este tipo de formación en Galicia. Para levar a cabo esta actividade docente conta cunhas instalacións de cultivo de 1.175 m2, unha batea para o cultivo de moluscos, dúas gaiolas para o engorde de peixes e crustáceos así como un parque intermareal Ademais, no recinto exterior do centro ubícanse dous minicriadoiros de moluscos, un invernadoiro para piscicultura continental e as instalacións de cultivo do "Plan de Repoboación de Especies Mariñas do Litoral Galego". En canto ao mergullo dispón de salas equipadas, de piscina interior, foxo-piscina exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases e un campo de prácticas no mar entre otros. 

Axudas ao sector marisqueiro

Alfonso Villares, en resposta ás preguntas dos xornalistas, reiterou co Goberno galego está traballando desde o minuto en tomar medidas de apoio ao sector marisqueiro polo alto índice de mortaldade dos bivalvos provocado pola baixa salinidade das augas a consecuencia das intensas precipitacións dos últimos meses. O conselleiro explicou ca recopilación de datos e informes técnicos por parte do persoal da consellería e das propias confrarías atópase moi avanzado e que unha vez recopilados se trasladará toda a documentación á Delegación do Goberno para tramitar a solicitude de zona catastrófica ás zonas afectadas. 

O responsable autonómico insistiu en que o obxectivo é elaborar unha solicitude ben sustentada e apoiada en criterios técnicos e lembrou que esta solución é a mesma que se aplicou noutras comunidades autónomas fronte outras situacións extraordinarias como grandes incendios ou episodios de chuvias intensas polo que agardaba co Goberno central dispensara a Galicia o mesmo trato.  

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/12/2023