A Xunta destina 1,6 M€ á ampliación do centro de atención integral Princesa Letizia de Amencer-Aspace

Con esta ampliación, a entidade poderá incrementar 22 novas prazas de atención diúrna e 9 de atención residencial
 

Está aberta a convocatoria de concerto social para blindar 293 prazas de atención especializada a persoas con parálise cerebral distribuídas por toda a comunidade
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de decembro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe o centro de atención integral Princesa Letizia de Amencer-Aspace, que cualificou de referencia en Galicia na atención ás persoas con parálise cerebral. Begoña Abeijón destacou que a Xunta está a investir 1,6 millóns de euros na ampliación e reforma destas instalacións, o que permitirá incrementar 22 novas prazas de centro de día e outras 9 de atención residencial. 

A directora xeral enmarcou este investimento na confianza que ten o Executivo galego no traballo que desenvolven as entidades sociais, que permite dispoñer dunha rede de servizos públicos de atención especializada alí onde son necesarios. Ademais, referiuse a axuda concedida este ano a Amencer-Aspace para a adquisición dun vehículo e ao financiamento anual de máis de 40 prazas de atención diúrna neste centro Princesa Letizia e nos dous que a entidade ten en Pontevedra. 

Así mesmo, Begoña Abeijón sinalou que a Xunta acaba de abrir a convocatoria do concerto social para consolidar 293 prazas de atención a persoas con parálise cerebral distribuídas por toda a comunidade. A esta convocatoria súmanse outras cinco, unha por cada tipo de discapacidade: enfermidade mental, dano cerebral, autismo, discapacidade física e discapacidade intelectual). 

Máis de 5.000 prazas e de 100 millóns de euros de investimento

En total, son máis de 5.000 prazas de atención residencial e diúrna a persoas con discapacidade que a Xunta financia cun investimento de máis de 100 millóns de euros anuais.

A través destas convocatorias de concerto, o Executivo autonómico consolida a rede pública de recursos para persoas con discapacidade, evita que os usuarios teñan que percorrer longas distancias para acceder a unha praza pública e dá maior estabilidade ás entidades sociais para que poidan manter no tempo servizos que son fundamentais para estas persoas e as súas familias.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023