O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o centro de 0 a 3 anos de Campolongo, pertencente á rede pública autonómica

A Xunta oferta máis dun millar de prazas gratuítas en escolas infantís da cidade de Pontevedra

A gratuidade sitúa á nosa comunidade como líder nacional na escolarización de 0 a 3 anos, que é voluntaria

Pontevedra, 19 de decembro de 2023

O programa da gratuidade de todas as escolas infantís da comunidade e para o 100% do alumnado que desenvolve a Xunta pon a disposición das familias que residen na cidade de Pontevedra máis dun millar de prazas de 0 a 3 anos polas que non teñen que pagar nada. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe as novas obras de mellora realizadas na escola infantil de Campolongo, pertencente á rede pública autonómica, ás que se destinaron 30.000 euros para renovar o parque exterior de xogos, entre outras actuacións.

O director xeral destacou que Galicia continúa a ser unha referencia na atención da etapa educativa de 0 a 3 anos, que é voluntaria. Neste sentido, lembrou que o Executivo autonómico iniciou en solitario no ano 2020 a implantación da gratuidade nas escolas infantís, unha medida pioneira que situou á nosa comunidade como líder nacional na escolarización de 0 a 3 anos.

A Xunta destinará o vindeiro ano 60 millóns de euros de fondos propios a financiar a gratuidade das escolas infantís para beneficiar a arredor de 31.000 familias, con independencia de que leven os seus fillos a un centro da Xunta, municipal, de iniciativa social ou privado. Cada fogar aforra máis de 2.000 euros ao ano gracias a esta medida.

Galicia continúa sendo a única comunidade que oferta atención educativa de balde de 0 a 3 anos oito horas diarias de luns a venres e once meses ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023