A Xunta asina o convenio para construír co apoio de fondos europeos 27 vivendas en Esturáns, en Vigo

O acordo supón materializar a axuda de preto de 1,2 millóns de euros concedida polo Executivo galego ao Concello para que constrúa un inmoble cun investimento total de case 4,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia asinou hoxe o convenio co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e co Concello de Vigo para a construción de 27 vivendas en Esturáns. Todas estas vivendas deberán destinarse ao alugueiro a prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.

O acordo permitirá materializar a axuda concedida pola Xunta ao Concello o pasado mes de setembro no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e que rolda os 1,2 millóns de euros para un investimento total de preto de 4,5 millóns de euros.

O proxecto presentado polo Concello ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé a construción dun inmoble de nove andares, máis baixo e tres sotos, que acollerá un total de 27 vivendas ademais das correspondentes prazas de garaxe e rochos.

Esta actuación enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada pola Xunta en marzo deste ano e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026.

Outros acordos

Ademais do acordo de Vigo, a Xunta asinou hoxe os convenios para cofinanciar 306 vivendas de promoción pública que construirán o Concello da Coruña e dúas cooperativas en Xuxán así como un acordo para cofinanciar con fondos europeos a rehabilitación de 24 inmobles adquiridos polo Executivo galego nos conxuntos históricos de Betanzos, Ferrol, Viveiro, Ourense, Tui e Ribadavia.

Data de actualización: 19/12/2023