A Xunta asina o convenio que permitirá cofinanciar con fondos europeos a rehabilitación de 24 vivendas destinadas a alugueiro social no marco do Rexurbe

Cun investimento total estimado en 5,9 M€, os traballos financiaranse nun 81% con achegas propias da Comunidade e o resto, con fondos procedentes da Unión Europea

Trátase de inmobles adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo no marco do Programa Rexurbe nos concellos de Betanzos, Ferrol, Viveiro, Ourense, Tui e Ribadavia

A actuación enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, que prevé incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia asinou hoxe o convenio que permitirá cofinanciar con fondos procedentes da Unión Europea a rehabilitación dun total de 24 vivendas que se destinarán a alugueiro social entre os demandantes do Rexistro único de vivendas protexidas.

Os inmobles foron adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no marco do Programa Rexurbe e emprázanse nos concellos de Betanzos, Ferrol, Viveiro, Ourense, Tui e Ribadavia. O investimento previsto para a execución das obras ascende a 5,96 millóns de euros, dos que máis de 4,82 millóns (case o 81%) serán achegas propias da Xunta e preto de 1,14 millóns serán fondos da Unión Europea.

Cómpre lembrar que todas as vivendas de nova construción ou rehabilitadas financiadas con fondos europeos no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deberán destinarse a alugueiro a prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.

Esta actuación enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada pola Xunta en marzo deste ano e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026.

Outros acordos na Coruña e Vigo

Ademais do acordo para o cofinanciamento das actuacións directas do IGVS nos seis concellos mencionados, a Xunta asinou tamén hoxe co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana outros tres convenios correspondentes ao financiamento para a construción dun total de 333 vivendas en edificios enerxeticamente eficientes e destinadas a alugueiro nas cidades da Coruña e Vigo.

Así, o Concello da Coruña recibirá unha axuda da Xunta, financiada con fondos europeos, por importe de 2.475.510 euros e destinada á construción de 50 vivendas cun investimento total de 10.800.768,31 euros.

Pola súa parte, o Concello de Vigo resultou beneficiario dunha subvención, por importe de 1.187.982 euros, destinada á construción de 27 vivendas cun investimento total estimado de 4.486.996,80 euros.

Finalmente, dúas cooperativas construirán cinco bloques (de 14, 90, 60, 60 e 32 vivendas respectivamente) no barrio coruñés de Xuxán, cun investimento de máis de 44 millóns de euros, dos que 12.270.902 serán cofinanciados con fondos da Unión Europea. Estas vivendas construiranse en solo propiedade da Xunta, adxudicado en dereito de superficie o pasado verán a cambio dun canon simbólico que facilita a promoción das vivendas.

Data de actualización: 19/12/2023