A Xunta asina un convenio con Fegataxi para garantir o traslado seguro das mulleres vítimas da violencia de xénero a centros de acollida

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o representante da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi) asinaron un convenio dotado con 85.000 euros

Grazas ao mesmo axudarase ás vítimas da violencia de xénero cos traslados a recintos seguros e a lugares onde exerzan a súa defensa, atención ou tratamento

Santiago de Compostela , 19 de decembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o representante da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, referendaron hoxe a súa colaboración directa, mediante a sinatura dun convenio, para o traslado, en condicións de seguridade e confidencialidade, das vítimas da violencia de xénero.

Grazas a este convenio, que terá vixencia ata 2025, axúdase ás mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas nos seus traslados aos centros que conforman a Rede Galega de Acollemento e ao Centro de Recuperación Integral (CRI) situado en Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, garántese o desprazamento e acompañamento seguro a outros lugares que atenden estas persoas, onde se desenvolven actuacións necesarias para a súa defensa, atención, tratamento, recuperación e restablecemento.

A Xunta de Galicia estima que se poidan beneficiar desta axuda máis de 150 persoas entre este ano e 2025.

O convenio hoxe asinado supón un investimento de 85.000 euros entre as tres anualidades, e supón o reforzo na resposta institucional que a Administración autonómica está a dar ás vítimas da violencia de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023