Xunta e Ministerio do Interior participan nunha reunión da Comisión de seguimento dos edificios xudiciais da comunidade

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, participaron no encontro no que se abordou o acordo co Goberno central asinado en 2018 e renovado o ano pasado

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe xunto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio do Interior en materia de seguridade nos edificios da Administración de Xustiza na comunidade. No encontro abordouse o acordo co Goberno central asinado en 2018 e renovado o ano pasado, así como a situación da seguridade no edificio da Cidade da Xustiza de Vigo e a necesidade de cubrir todas a prazas de Policía Nacional.  

Na reunión tamén participaron, por parte da Policía Nacional, o xefe superior en Galicia, Ramón Gómez Nieto e o inspector xefe, José Aneiros Díaz, e por parte da Garda Civil, o  xefe da XV zona da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, e o coronel xefe Miguel Estévez.

Tal e como a Xunta xa trasladara aos responsables da UVEX, a seguridade está garantida nos edificios xudiciais da comunidade e, en maior medida, no edificio na Cidade da Xustiza de Vigo ao concentrarse nunha única sede todos os servizos xudiciais de Vigo, agás o Rexistro Civil, pasando de seis sedes xudiciais a dúas. Por este motivo, a Xunta, co aval do Ministerio do Interior, reorganizou o servizo de vixilancia con 20 efectivos nos 2 edificios de Vigo e o de Redondela para darlle resposta ás necesidades do servizo, que é superior ao prestado antes nas antigas sedes. De feito o convenio de 2018 renovouse e actualizouse precisamente en decembro de 2022 para a súa aplicación neste exercicio consonte á nova situación.

Persoal da UVEX -3 en horario de mañá e 3 de tarde- e vixilantes de seguridade –1 en horario de mañá e 1 de tarde- encárganse de controlar a zona principal ao que se suman outros 2 efectivos -1 de UVEX ata as 18,00 e un vixilante ata as 17,00 horas- na zona de xulgado de Garda. Ademais, no que se refire ao acceso a edificio xudicial de detidos e vixilancia de zona de calabozos ata 8 persoas realizan a o traballo de condución e custodias.

Tamén se abordou a seguridade no resto dos edificios xudiciais con medidas de reforzo como a colocación de escáneres de seguridade nos xulgados de Cambados, Cangas e Vilagarcía de Arousa, así como a ampliación de visionados das cámaras de seguridade no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por último, aprobouse a necesidade de reformar os espazos de detención nos xulgados a espera do informe que remita a Policía Nacional, actuacións nas que xa se está traballando nos xulgados de garda da Coruña e próximamente nos de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023