O conselleiro do Medio Rural participou en Madrid, xunto cos seus homólogos do resto de comunidades autónomas, nunha reunión institucional co ministro de Agricultura

Galicia insiste en demandar ao Goberno central un plan nacional fronte a enfermidade hemorráxica epizoótica e que loite por homologar a vacina en Europa

O Goberno galego considera necesaria, ademais, unha maior flexibilidade na aplicación da PAC e unha recondución dos eco-rexímenes para que se adapten á realidade da nosa comunidade

Reclama tamén unha discriminación fiscal positiva para o sector primario que beneficie os agricultores, gandeiros e silvicultores polo seu papel clave na xestión sustentable do territorio

O conselleiro remarcou a importancia de implementar medidas de apoio á gandaría en extensivo polo seu papel no espazo rural e instou ao Ministerio a complementar a liña de 12 M€ da Xunta para os produtores que traballen baixo a IXP Ternera Gallega

A Xunta insiste tamén en reclamar a rebaixa do IVE da carne e o peixe e o cumprimento efectivo da lei da cadea alimentaria, xunto co recoñecemento da súa aplicación informática para o cálculo dos custos de produción dos gandeiros
 

Madrid, 18 de decembro de 2023

Galicia insiste en reclamar ao Goberno central que lidere e coordine un plan nacional fronte á Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) do gando. Así o reiterou hoxe en Madrid o conselleiro do Medio Rural, José González, na reunión institucional entre as comunidades autónomas e o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luis Planas.

En relación coa xestión desta doenza, o conselleiro amosou a súa preocupación diante da inacción do Ministerio e lamentou de novo que o MAPA fixera ouvidos xordos á petición de varias comunidades de convocar unha Conferencia Sectorial con carácter urxente para tratar de forma específica as novas enfermidades emerxentes, como é o caso da EHE.

José González considerou imprescindible, ademais de continuar coas medidas restritivas levadas a cabo polos gobernos autonómicos -entre eles a Xunta-, avanzar conxuntamente nese plan nacional e loitar pola homologación da vacina en Europa. Así mesmo, Galicia insta ao Goberno central a liberar fondos para sufragar a vacinación fronte esta doenza, así como para compensar os danos producidos no gando, a dotar a correspondente póliza de agroseguro e a estudar axudas polos seus efectos no marco da PAC.

Sustentabilidade das explotacións

Precisamente en relación coa PAC, Galicia defende unha recondución dos eco-rexímenes para que se adapten á realidade das explotacións de pequeno e mediano tamaño, familiares e con base territorial propias do norte peninsular. Tamén, unha maior flexibilidade na aplicación destas políticas. Nesta liña, o conselleiro incidiu na aposta da Xunta pola sustentabilidade das explotacións, pero advertiu que esta “non é só ambiental, senón tamén económica e social, e nestes momentos necesitamos máis tempo para adaptar aos nosos agricultores e gandeiros, diante da situación económica na que estamos, fronte as esixencias da nova PAC”.

Por outra banda, José González reiterou a demanda de Galicia dunha reforma fiscal positiva a prol do sector primario español. Segundo explicou o conselleiro, esta reclamación -que xa foi transmitida dende a Xunta con anterioridade e mesmo por carta en novembro pasado ao titular do Ministerio- fundaméntase na necesidade de beneficiar os agricultores, gandeiros e silvicultores polo seu papel clave na xestión sustentable do territorio.

Trátase, engadiu González, de valorar a súa contribución á hora de afrontar retos como o cambio climático, o despoboamento ou a loita contra os incendios forestais e de aplicar, en consecuencia, rebaixas fiscais a nivel nacional en impostos como o IRPF, o IVE ou sobre Sucesións. Todo isto, na liña do que xa fixeron algunhas autonomías -caso de Galicia- cos impostos propios e cedidos, remarcou. Nesta liña, fixo especial fincapé no programa de impostos cero no rural que impulsou a Xunta, dentro das súas competencias na materia.

Rebaixa do IVE para a carne e o peixe

Ademais, e diante da tendencia de crecemento continuado dos custos de produción, Galicia insistiu tamén nesta xuntanza en demandar que a rebaixa do IVE se faga extensiva a alimentos básicos como a carne e o peixe, xa que a fiscalidade actual supón un prexuízo directo para os gandeiros de carne e para o sector pesqueiro galego.

En termos semellantes, e tamén en relación coa protección dos produtores primarios, reclámase de novo ao ministro que traballe para que se faga efectivo o cumprimento da lei da cadea alimentaria para evitar a venda a perdas. No mesmo sentido, Galicia reitera a súa petición dun recoñecemento da aplicación web para o cálculo dos custos de produción dos gandeiros -tanto do lácteo, a través de Contaláctea, como do cárnico, mediante Contacarne-.

Apoio ao sector gandeiro

O conselleiro manifestou o apoio da Xunta de Galicia a calquera medida adicional que poida tomar o Ministerio a prol da gandaría en extensivo ou que contribúa á xestión do espazo rural, recoñecendo o seu rol de custodio do territorio como elemento clave na loita contra o abandono do rural, a prevención de incendios forestais e o despoboamento.

Neste sentido, José González lembrou que o Goberno galego destinará no 2024 un total de 12 millóns de euros en axudas para os gandeiros que traballen baixo a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e instou a que o Executivo central complemente esta liña de achegas, nun sector especialmente estratéxico para o rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023