O delegado territorial supervisa o remate da beirarrúa da PO-315 no treito Beluso-A Chadiza, en Bueu, que foi posible grazas a un investimento da Xunta de 330.000 euros

Os traballos incluíron a substitución do firme, a mellora do sistema de saneamento, a substitución das luminarias e a mellora da sinalización viaria

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa seguridade viaria e co mantemento da rede de 5.500 de quilómetros de estradas autonómicas
 

Bueu (Pontevedra), 18 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou esta mañá o resultado das obras para a construción de beirarrúas levadas a cabo na estrada autonómica PO-315 no concello de Bueu.

Os traballos, que contaron cun investimento da Xunta de máis de 330.000 euros consistiron na construción dunha beirarrúa de formigón de dous metros de ancho que se estende por preto de 600 metros de carreteira entre os puntos 2+150 e 2+750 desta estrada. Esta nova beirarrúa permite mellorar a seguridade dos viandantes.

Ademais, as obras incluíron a instalación de dúas paradas de autobús cubertas e a substitución do firme naquelas zonas onde estaba máis deteriorado. A Xunta aproveitou os traballos para mellorar tamén o sistema de saneamento, para instalar novos puntos de luz e para mellorar a sinalización viaria.

O delegado territorial destacou o bo resultado dos traballos realizados e lembrou o compromiso da Xunta co mantemento e a sinalización de todas as vías autonómicas: “é imposible resolver todas as necesidades que van xurdindo nos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas que hai en Galicia, pero está claro que dende a Xunta se vén realizando un esforzo continuo por mellorar e manter en perfectas condicións o estado das vías e garantir unhas estradas seguras e confortables”.

Reguera destacou, ademais, a mellora nas condicións dos habitantes da parroquia de Beluso, que agora contan cun paseo amplo e seguro e cunhas novas paradas de autobús. “Beluso é unha parroquia cunha gran importancia en Bueu, son preto de 3.000 habitantes que agora gozan dun novo paseo polo que circular grazas a esta actuación da Xunta”, concluíu o delegado.

A Xunta investiu, entre os anos 2019 e 2022, preto de 2,3 millóns de euros en infraestruturas no concello de Bueu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023