O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, xunto con técnicos da entidade hidráulica autonómica, mantiveron hoxe un encontro de traballo co Concello

A Xunta e o Concello de Neda abordan as actuacións necesarias para reducir os riscos das inundacións na contorna dos ríos Basteiro e Belelle

Augas de Galicia presentou hoxe aos representantes municipais o resultado dos estudos realizados sobre esta zona de especial perigosidade e as medidas propostas

Proponse traballar na autoprotección das vivendas situadas a carón destes ríos e na adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal á realidade existente

Recoméndase a disposición dun plan de actuación municipal fronte a inundacións, coa finalidade de conseguir a máxima protección para as persoas, bens e o medio que poidan resultar afectados a consecuencia dos asolagamentos

Os traballos apuntan a conveniencia da ampliación da ponte de Pename, de titularidade municipal, para conseguir a redistribución axeitada dos caudais dos ríos

Avánzase a próxima instalación de sinalización de zonas inundables e charlas nos colexios da zona, dentro das campañas que a Xunta realiza na demarcación Galicia- Costa
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

A Xunta presentou hoxe ao Concello de Neda as propostas para a mellora da xestión dos episodios de asolagamento na contorna dos ríos Basteiro e Belelle, en cuxa contorna existe unha maior incidencia de risco de inundacións.

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e técnicos deste ente autonómico, mantiveron hoxe un encontro de traballo co alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e técnicos municipais, para trasladarlle as conclusións das análises do comportamento hidráulico destes ríos e a súa incidencia no maior risco de inundacións no municipio, onde houbo un importante episodio o pasado día 14 de novembro.

O episodio rexistrado recentemente foi incorporado ás análises realizadas pola entidade hidráulica da Xunta nas áreas de risco da demarcación Galicia-Costa, para contrastar o acontecido cos modelos de inundacións elaborados por Augas de Galicia na bacía de competencia autonómica.

O estudo confirmou que a problemática existente nesa zona vén derivada de que parte da poboación do municipio se asentou nas últimas décadas nunha zona naturalmente inundable, influenciada pola marea e na que se sitúa o humedal de Neda, onde o espazo fluvial se atopa moi alterado pola presenza de canais e azudes de derivación.

Isto, tal e como explicaron os técnicos de Augas de Galicia, provoca nesta zona do municipio episodios periódicos de asolagamento cando as precipitacións son moi intensas, xerando problemas para xestionar as augas que circulan polos ríos, tanto polo Basteiros como polo Belelle, que acaban afectando aos veciños e ás vivendas situadas próximas aos leitos.

O xerente de Augas de Galicia detallou ao rexedor de Neda as opcións para mellorar a xestión destes riscos por parte do Concello, comezando pola adopción de medidas axeitadas de preparación fronte ás inundacións, como a autoprotección das propias vivendas. A este respecto, incidiu na importancia de que o Concello, a través do Plan Xeral de Ordenación Urbana, se adapte á realidade existente, para que os asentamentos na zona inundable non sigan crecendo.

No encontro explicouse tamén ao Concello a importancia de dispor dun plan de actuación municipal fronte a inundacións, coa finalidade de conseguir a máxima protección para as persoas, os bens e o medio que poidan resultar afectados a consecuencia dos asolagamentos.

O xerente de Augas de Galicia referiuse tamén ao mantemento das infraestruturas existentes, como as pontes e as obras de paso, que deben ter un axeitado estado de conservación e mantemento para minimizar a súa afección ao paso da auga.

A este respecto, concretou medidas de protección, fundamentalmente enfocadas a acadar unha mellor distribución dos caudais entre o río Basteiro e o Belelle cando as precipitacións son elevadas, dun xeito máis acorde ao que sería un funcionamento natural. Así, os estudos técnicos realizados por Augas de Galicia fixan como actuación necesaria para conseguir que esa redistribución dos caudais sexa totalmente eficaz a ampliación da ponte de Pename, de titularidade municipal.

Na reunión tamén se abordou a importancia da adopción de medidas de concienciación e divulgación para que toda a poboación coñeza ben os riscos destas áreas de risco potencial significativo de inundación. A este respecto, o xerente de Augas de Galicia avanzou que o organismo hidráulico da Xunta ten previsto instalar proximamente a sinalización nas zonas con risco de inundación, ademais de impartir charlas nos colexios da zona, dentro das campañas de divulgación e sensibilización que a Xunta realiza na demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Data de actualización: 18/12/2023