A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron hoxe nas Pontes as obras de construción deste novo servizo

A Xunta destina 600.000 euros á nova residencia da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal

Poñerase á disposición da familias 25 prazas de atención especializada

O Goberno galego impulsa con 100 millóns de euros anuais os concertos sociais coas entidades do ámbito da discapacidade para garantir a continuidade de máis de 5.000 prazas asistenciais en toda a comunidade
 

As Pontes (A Coruña), 18 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia inviste 600.000 euros nas obras de construción da nova residencia que a Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal poñerá en servizo nas Pontes con 25 prazas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as obras deste futuro centro acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Fabiola García destacou que a colaboración co tecido asociativo é fundamental para avanzar nunha Galicia cada día máis inclusiva. Neste traballo conxunto enmarcou o acordo histórico asinado o mes pasado coas entidades para desenvolver o concerto social, ao que se destinan 100 millóns de euros ao ano para consolidar unha rede pública de atención especializada a persoas con discapacidade que supera as 5.000 prazas.

No caso da Federación Saúde Mental de Galicia (Feafes), este acordo garante a continuidade de 33 prazas en diferentes centros da nosa comunidade, das cales oito corresponden ao centro ocupacional Porta Nova en Narón.

Visita a Aspanaes

Antes desta visita, a conselleira e a delegada territorial coñeceron os proxectos que está a desenvolver Aspanaes nas súas instalacións as Pontes para mellorar a autonomía e as capacidades de persoas gravemente afectadas.

A través do concerto social, o Executivo autonómico tamén consolidará outras 257 prazas de atención residencial e diúrna para persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), das cales 34 corresponden co centro de Aspanaes no municipio pontés e outras 37 cos servizos que ten esta entidade en Ferrol.

Discapacidade intelectual e parálise cerebral

Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas novas convocatorias de concerto social nos ámbitos da atención a persoas con parálise cerebral e con discapacidade intelectual.

En concreto, convócanse 4.050 prazas asistenciais para persoas con discapacidade intelectual e outras 293 para a atención a persoas con parálise cerebral. Esta oferta é para período 2024-2028 e inclúe o servizo de transporte.

As entidades de iniciativa social teñen un mes de prazo, a contar a partir de mañá, para presentar as súas propostas. Terán que facelo obrigatoriamente a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica.

Compromiso cumprido

Con estas dúas novas convocatorias, o Goberno galego cumpre o compromiso que asumiu coas entidades de convocar os concertos sociais, un total de seis para a atención á discapacidade física, intelectual, trastorno do espectro autista, parálise cerebral, enfermidade mental e dano cerebral.

A través dos concertos sociais, a Xunta evita que os usuarios teñan que percorrer longas distancias para acceder a unha praza pública, dá unha maior estabilidade ás entidades do terceiro sector para que poidan manter no tempo servizos que son fundamentais para os seus usuarios e as familias e incrementa nun 30% o investimento con respecto aos contratos actuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023