A Xunta suma 12 novos artistas e grupos ao seu programa de aceleración musical ‘Sonemerxente’

Destina 250.000 euros á segunda edición desta iniciativa para impulsar carreiras musicais con especial potencial de proxección

Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta segunda xeira da aceleradora

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volve contar coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora na xestión
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha a segunda edición da súa aceleradora musical Sonemerxente, ao abeiro da que 12 grupos e artistas emerxentes de Galicia verán impulsadas as súas carreiras mediante diferentes accións de formación e promoción. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta nova xeira da iniciativa, para a que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volve contar coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora na súa xestión.

Ao igual que na primeira edición, esta segunda escolma de bandas e intérpretes, seleccionada por unha comisión a partir das máis de 30 propostas recibidas, reflicte o gran potencial e variedade en canto a xéneros e estilos do actual panorama da música emerxente galega. A través deste programa, dotado con 240.000 euros, o Goberno galego pon á súa disposición as ferramentas necesarias para lograr un salto cualitativo nas súas traxectorias, así como para facilitar o seu acceso ao mercado musical e ao financiamento.

Formación individual e grupal

O proceso de aceleración desenvolverase en dúas fases. A primeira delas consistirá nunha serie de consultarías individualizadas e grupais, tanto presenciais como telemáticas, que incluirán diferentes accións de mentorización co foco posto na proposta artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. En concreto, o programa de formación grupal articularase arredor do discurso como elemento esencial para a conexión co público, a posta en escena, a produción de temas musicais e de videoclips, a estratexia no negocio da música en directo e o benestar emocional dos artistas.

A segunda fase dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas.

A ducia de proxectos seleccionados desta volta súmanse a Adrian Timms, Ani Baires, De Ninghures, Helena Egea, Hydn, Law, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire, que participaron durante 2023 na primeira edición de Sonemerxente, no marco da que tiveron a oportunidade de traballar no impulso das súas carreiras man a man con primeiras figuras da industria musical, ademais de ofrecer unha trintena de actuacións en diferentes festivais e citas culturais de toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023