Trenor informa de que Bono Deporte de 120 € estará activo o 8 de xaneiro para todas as familias con rapaces de entre 6 e 16 anos federados ou inscritos no programa Xogade

Salienta que a Xunta vai destinar “máis de 16 M€” a estas axudas co obxectivo de chegar “a 135.000 rapaces e rapazas”

O Bono axudará ás familias a sufragar o 80 % das compras de material e equipa-mento ou a asistencia a clases de actividades deportivas e poderá utilizarse ata o 1 de xullo de 2024

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o establecemento Atmosfera Sport en Santiago para informar de que as familias poderán descargar a partir do 8 de xaneiro o Bono Deporte de 120 euros ao que poderán acceder todas as que teñan fillos de entre 6 e 16 anos, que estean federados ou inscritos no programa escolar de fomento das actividades deportivas Xogade. O obxectivo “é chegar a 135.000 rapaces e rapazas” para o que o Goberno galego vai investir “máis de 16 millóns de euros”.

O Bono Deporte vai axudar ás familias a sufragar o 80 % das compras en material de equipamento ou do custe da asistencia a clases de actividades deportivas. O obxectivo é fomentar a práctica de actividade física e o deporte base entre as xeracións máis novas, ao mesmo tempo que se impulsa o comercio galego e se apoia ás familias nestes momentos marcados pola inflación nos gastos que lles supoñen as actividades deportivas nas que participan os seus fillos e fillas.

Este apoio enmárcase no compromiso da Xunta co deporte base e complementa outras medidas pioneiras en Galicia como o seguro gratuíto para participantes do programa Xogade, cun orzamento de 4,3 millóns ata 2024. Precisamente a nova convocatoria deste programa conta con 17 actividades e 39 federacións deportivas adheridas co obxectivo de promover a práctica da actividade física e deportiva entre a poboación escolar.

Poderá ser empregado ata o 1 de xullo

Cada familia poderá descargar un Bono Deporte por cada un dos fillos ou fillas e poderán facer uso del ata o 1 de xullo. Precisamente, hai unha semana, o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria das axudas, así como as condicións e prazos para as entidades que se queiran unir ao programa. Poderán facelo ata o 30 de decembro.

Esta nova axuda enmárcase dentro das que se incorporarán con cargo aos Orzamentos de 2024 e que se activarán a partir de xaneiro. Entre elas, están o Bono Coidados no Fogar con 5000 euros anuais a persoas dependentes que son coidadas nas súas casas; á gratuidade do bus da rede autonómica para as persoas maiores de 65 anos, que tamén serán beneficiarias da nova tarxeta +65 con bonificacións e descontos; ou á aplicación da cota cero para o primeiro ano de actividade dos que decidan emprender como autónomos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023