A Xunta consolida a colaboración coa Fundación Laboral da Construción que culmina o 2023 con máis de 2.000 participantes en case 150 accións formativas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou en Vilamarín a mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector da construción, que puxo o peche a unha serie de encontros con distintos eidos económicos

Alí destacou os máis de 117 M€ do novo Plan galego de formación para o emprego, a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego

Tamén o Programa Retorna Cualifica Emprego para residentes no exterior e o novo plan para fomentar a presenza de mulleres en sectores masculinizados, ambos focalizados en cubrir a demanda laboral en campos como o da construción

 

Vilamarín (Ourense), 18 de decembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou hoxe a mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector da construción organizada co gallo de visibilizar a formación para o emprego que se está impartindo especializada neste sector e de seguir indagando o que demanda o mercado, ao igual que xa se fixo en senllos encontros cos eidos da loxística, do metal e enerxías renovables e das TIC. Alí, a conselleira destacou que o convenio de colaboración asinado coa Fundación Laboral da Construción supón rematar este ano con máis de 2.000 persoas participantes en 145 accións formativas, grazas a un orzamento superior aos 700.000 euros.

Elena Rivo amosou o seu compromiso de consolidar a colaboración cos clústers, destinando o ano que vén 4,6 millóns de euros a convenios con estas entidades para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. Díxose consciente de que a construción aglutina boa parte das 15.000 vacantes laborais existentes e -sinalou- a Xunta fará o posible para casar oferta e demanda. 

Nesa liña, o Goberno galego seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

No acto, a conselleira puxo de relevo que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns se destinarán ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis ca este ano. Con este importe, entre outras, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego. 

Dentro do presuposto para formación, tamén se continuará a darlle pulo a iniciativas como o Programa Retorna Cualifica Emprego, polo que xa están traballando en Galicia -xa sexa residentes no exterior retornados, ou os seus descendentes- máis de 200 persoas, sendo o da construción un dos sectores que máis perfís demanda, segundo salientou a conselleira. 

Tamén o sector da construción é un dos que centrarán os esforzos do novo plan de 2024 que con 2,25 millóns de euros fomentará a formación e a contratación de mulleres en sectores masculinizados. A previsión é que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres no conxunto da Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023