A Xunta inviste 7,1 M€ no apoio a 56 proxectos de acción comunitaria, cooperación exterior e educación para o desenvolvemento

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións das distintas convocatorias de axudas

Trátase de iniciativas promovidas por distintas ONGD e outros axentes de cooperación e desenvolvidas no período 2023-2024
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións de diversas convocatorias de axudas enmarcadas na acción humanitaria, a cooperación exterior e a educación para o desenvolvemento, a través das que a Xunta garante o apoio a 56 proxectos cun investimento superior aos 7,1 millóns de euros.

Deste xeito, a través das axudas para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, o Goberno galego inviste 6 millóns de euros no financiamento de 32 proxectos desenvolvidos entre 2023 e 2024 a cargo de ONGD e doutros axentes de cooperación. Increméntase así nun 11% a contía desta medida con respecto a 2022. Enmarcada no Plan de Cooperación Galega, a través dela apóianse iniciativas no Salvador, Perú, Guatemala, Bolivia, Guinea Bissau, Honduras, Nicaragua, República Dominicana, Ecuador e India.

Do investimento total, 5,3 millóns de euros teñen como destinatarios 28 proxectos promovidos por ONGD, cinco delas en agrupación. Trátase de Fundación Fabre, Fundación Cume, Médicos del Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, Fundación Balms para la Infancia, Fundación Vicente Ferrer, Arquitectura sen Fronteiras e Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Entre os beneficiarios están tamén Asociación AIDA, SODEPAZ, Amigos da Terra, AGARESO, Ayuda en Acción, Farmacéuticos Mundi, Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación Humanitaria de los Rotarios Españoles e EDUCO. Completan a listaxe Fundación Taller de Solidaridad, Fundación Entreculturas Fe y Alegría, Fundación InterRed, Manos Unidas, Fundación Religiosos para la Salud en agrupación con Misioneros Seglares Vicencianos, e PROYDE.

Os 700.000 euros restantes destínanse a financiar catro proxectos impulsados por outros axentes de cooperación, como son a Fundación Mujeres en Ecuador, a Fundación Galicia Innova no Perú, Icarto no Salvador e a Universidade de Santiago (USC) no Perú.

O obxectivo é impulsar accións para propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario. Preténdese así dar cobertura ás necesidades sociais básicas, como a educación e a saúde, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos, a habitabilidade e tamén a promoción do tecido económico en materia de agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura.

Educación para o desenvolvemento

Por outra banda, coa convocatoria para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global dáselles apoio no período 2023-2024 a 16 proxectos, cun importe global de 600.000 euros. Trátase de actividades que forman parte da educación para o desenvolvemento desde catro perspectivas: a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento e a súa difusión nos ámbitos educativos; a investigación neste ámbito; así como a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na sociedade

 

As iniciativas beneficiarias están impulsadas por Farmacéuticos Mundi en agrupación coa USC, Asemblea de Cooperación pola Paz, AGARESO, e Amigas da Terra Galicia, esta última en solitario e en agrupación con Enxeñaría sen Fronteiras. A elas engádense proxectos de Arquitectura sen Fronteiras en agrupación coa Universidade da Coruña, Fundación Intered, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Enxeñería sen Fronteiras en agrupación con Arquitectura sen Fronteiras e a Universidade da Coruña, Manos Unidas, Fundación Taller de Solidaridad, Fundación Educación y Cooperación EDUCO, tamén nun caso en solitario e noutro en agrupación con Fundación Entreculturas-Fe y Alegría, Taller de Solidariedade e a USC.

Acción humanitaria no exterior

A terceira das resolucións publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia correspóndense coas axudas para proxectos de acción humanitaria no exterior, nas que a Xunta investiu este ano 550.000 euros, un 37% máis que en 2022. A través delas apóianse oito proxectos liderados pola Asociación Comité Español de la UNRWA, Asemblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación CUME para el desarrollo de culturas y pueblos, Asociación Movimiento por la Paz, e Desarme y la Libertad, Fundación Entreculturas Fe y Alegría, Fundación Tierra de Hombres España e Fundación UNICEF Comité Español. As accións desenvolveranse en Cisxordania, O Salvador, Honduras, O Perú, Líbano, Etiopía, Ucraína e Cuba.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

Data de actualización: 18/12/2023