O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal visitaron o concello ourensán de Parada de Sil para constatar os traballos realizados

A Xunta fomenta a recuperación e conservación dos soutos tradicionais xunto á mellora da súa xestión mediante as agrupacións forestais conxuntas

O Goberno galego investiu este ano 131.500 euros no plan piloto de recuperación e conservación de soutos tradicionais nas provincias de Lugo e Ourense, que permitiu actuar nunha superficie total de 356,38 hectáreas e que se enmarca, á súa vez, no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña

Parada de Sil forma parte do plan piloto da Consellería, que tamén beneficia os concellos ourensáns do Bolo e A Veiga, así como os municipios lucenses de Folgoso do Courel, O Incio e Paradela

Medio Rural decidiu apostar polo fomento do asociacionismo dos propietarios e a revitalización da produción a través deste plan piloto, que poida servir como modelo de referencia para outros titulares de terreos de soutos
 

Parada de Sil (Ourense), 17 de decembro de 2023

A Xunta fomenta a recuperación e conservación de soutos tradicionais, así como a mellora da súa xestión mediante as agrupacións forestais de xestión conxunta, unha figura da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ambas liñas de traballo conflúen en Parada de Sil, concello ourensán que visitou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, do alcalde da localidade, Aquilino Domínguez, da presidenta da asociación de propietarios de soutos Canón do Sil, Mónica Bizarro, e dun grupo de integrantes desta entidade.

Neste percorrido por un dos soutos do municipio, o titular de Medio Rural puxo en valor o carácter pioneiro desta entidade, que será das primeiras en constituírse dentro de Galicia como agrupación forestal de xestión conxunta. Deste xeito, salientou González, incídese na mellora destes espazos tradicionais tan representativos do bosque galego, algo para o que a Xunta puxo en marcha, precisamente, o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña.

Este programa, lembrou González, dá cumprimento ademais aos obxectivos da 1ª revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Así, defínense cinco eixes de intervención cun total de 36 actuacións a levar a cabo entre o 2022 e o 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro.

Plan piloto

O conselleiro salientou que este proxecto de Parada de Sil intégrase, máis concretamente, no plan piloto para o fomento, recuperación e conservación de soutos que impulsa Medio Rural e que abrangue un total de sete espazos, en distintas localizacións, incluíndo este de Parada de Sil. Así, tamén forman parte desta iniciativa outros tres soutos da provincia de Ourense, como son os de Tuxe e Cambela, no concello do Bolo; e o de Prada, no municipio da Veiga. Ademais, en Lugo están dentro do plan os soutos de Vilar, en Folgoso do Courel; de San Pedro do Incio, no Incio; e de Paradela, no concello homónimo.

En conxunto, tal e como sinalou o conselleiro, o plan piloto permitiu actuar este ano nunha superficie total de 356,38 hectáreas, grazas a un investimento por parte do Goberno autonómico de preto 131.500 euros, dos cales case 29.000 foron destinados ao souto de Parada de Sil, de 43,83 hectáreas.

Neste contexto, a Consellería do Medio Rural decidiu apostar polo fomento do asociacionismo dos propietarios e a revitalización da produción a través deste plan, que poida servir como modelo de referencia para outros titulares de terreos de soutos.  Para levalo a cabo, seleccionáronse os soutos que serían obxecto deste proxecto, tendo en conta a súa situación, coa intención de que foran espazos representativos destas formacións en Galicia e que incluíran masas con distinto grao de conservación e aproveitamento, explicou José González.

Unha vez seleccionadas as zonas de actuación, deuse comezo aos traballos, que incluíron a revisión do parcelario, os estudos previos de investigación da titularidade e o apoio técnico e posta en marcha dunha agrupación de xestión conxunta, unha figura da devandita Lei de recuperación que segundo o conselleiro “encaixa perfectamente” con este plan.

Así, trátase de mellorar a xestión destes espazos mediante o labor conxunto, cun enfoque sustentable, para recuperar e poñer en valor os terreos, impedir o seu abandono e previr incendios forestais, entre outros obxectivos. Os orzamentos da Xunta de 2024 contan cunha partida de 2,4 millóns para o fomento deste tipo de agrupacións. De feito, no referido ao souto de Parada de Sil, a asociación Canón do Sil está a realizar os trámites para constituír unha entidade destas características.

É importante destacar que para facilitar a constitución destas agrupacións, publicáronse o pasado 6 de novembro no Diario Oficial de Galicia varios modelos tipo de estatutos para construír dereitos de uso e aproveitamento. Son modelos orientativos e voluntarios, que a Xunta proporciona conforme ao establecido na normativa vixente.

Axudas para a creación de superficies forestais

Con todo, remarcou o conselleiro, esta iniciativa non é a única aposta do Goberno autonómico pola recuperación de soutos e o fomento das plantacións. Mañá publícase no Diario Oficial de Galicia a resolución pola cal se destina preto dun millón de euros ao fomento das plantacións de castiñeiro para froito e á mellora de soutos tradicionais. Estas axudas permitirán plantar 20.800 castiñeiros para froito, que contribuirán a reforzar o papel de Galicia como principal comunidade autónoma en produción e exportación de castaña

Seguindo esta liña, en maio ampliouse o crédito da convocatoria das axudas para a creación de superficies forestais ata chegar aos tres millóns de euros; o que permitirá incrementar a superficie de plantación en arredor de 1.000 hectáreas.

Ademais, este ano aprobáronse 10 millóns de euros para a realización de accións silvícolas en case 4.600 hectáreas de coníferas e frondosas dos montes galegos. Así, nos últimos sete anos a Xunta destinou preto de 87 millóns de euros para este tipo de actuacións. Cómpre lembrar tamén os 500.000 euros destinados á reparación de danos causados polos incendios rexistrados en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2023