A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu á recepción de dúas novas unidades para a flota terrestre do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas

A Xunta inviste máis de 115.000 euros en dous vehículos eléctricos para realizar labores de conservación nas Illas Cíes e en Ons

Os medios adquiridos están especialmente preparados para transitar por zonas agrestes do medio natural, como pistas irregulares ou sen asfaltar

O Executivo galego avanza así na súa aposta por unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio ambiente dentro do parque natural ao tempo que mellora os medios a disposición do persoal encargado do mantemento deste espazo protexido

Vigo, 15 de decembro de 2023

A Xunta investiu máis de 115.000 euros na adquisición de dous vehículos eléctricos preparados para realizar labores de conservación no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. Estes medios terrestres -un deles operará nas illas Cíes e o outro en Ons- están especialmente preparados para transitar por zonas agrestes do medio natural como pistas irregulares ou sen asfaltar.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiron hoxe no porto de Vigo á recepción destas dúas unidades coas que se dá un paso máis na electrificación da mobilidade deste parque nacional, favorecendo a descarbonización do transporte e a redución das emisións á atmosfera. Ademais, incorpóranse a unha flota terrestre que está conformada na actualidade por 10 vehículos: cinco todoterreos, catro camionetas e unha furgoneta.

Os novos medios terrestres contan co cofinanciamento dos programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (MOVES III) no marco do Plan de Recuperación, Transformación, Resiliencia (NextGenerationEU) financiado pola Unión Europea.

Estas incorporacións cumpren o dobre obxectivo do Executivo galego de apostar por unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio ambiente dentro do parque nacional ao tempo que se melloran os medios a disposición dos profesionais que se encargan da conservación e mantemento das illas que conforman este espazo protexido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023