A Xunta destaca o papel esencial das pemes e das persoas autónomas na xeración da riqueza en Galicia

Sanxenxo (Pontevedra), 16 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sinalou o importante papel das persoas autónomas na economía de Galicia e a súa contribución esencial no crecemento económico e social sendo á vez un motor de innovación permanente e axentes de cambio. O titular de Mar realizou estas manifestacións acompañado polo secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández e pola secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, no XIII Congreso das Persoas Autónomas de Galicia organizado pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia) no municipio pontevedrés de Sanxenxo.

Alfonso Villares puxo de relevo o compromiso do Goberno galego cos 214.000 profesionais autónomos que hai de alta na comunidade como o demostra o desenvolvemento da Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027 que conta cun orzamento de máis de 360 millóns de euros. Tamén recordou a posta en marcha da cota cero para as novas altas desde o pasado 30 de setembro que, sumado ao reforzo do programa de promoción do emprego autónomo xa existente, elevará ata os 29 millóns de euros os apoios para os traballadores por conta propia que inicien a súa actividade. Grazas a estas políticas Galicia é a comunidade con maior peso dos autónomos no conxunto das afiliacións alcanzando o 20 %, é a segunda con maior porcentaxe de autónomas e tamén referente na consolidación do emprego xa que 7 de cada 10 autónomos galegos leva máis de 3 anos co seu proxecto en marcha.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2023