A Xunta pon en valor o traballo de Mulleres en Igualdade de Vigo para avanzar na defensa dos dereitos femininos e visibilizar as discriminacións
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, visitou hoxe a asociación Mulleres en Igualdade de Vigo, un acto no que renovou o compromiso de colaboración que a Xunta mantén con este colectivo sen ánimo de lucro que traballa para avanzar na igualdade real e efectiva de mulleres e homes a través da formación, divulgación e protección. Este ano, grazas a esta cooperación, a entidade atendeu 165 mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou en situación de vulnerabilidade.
Vázquez sinalou que a nova Lei de igualdade busca garantir a igualdade de xénero en todos os espazos e en todas as esferas da vida e explicou que se trata dunha norma que incidirá na erradicación de actitudes machistas e de calquera tipo de discriminación no eido da cultura e do deporte, nomeadamente no deporte de competición, fomentando actividades deportivas e artísticas inclusivas e igualitarias.
Tamén suporá atender a unha maior defensa dos dereitos das mulleres e á visibilización da discriminación múltiple e promover programas municipais para a creación de espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual.