A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos e un rego no concello de Teo

Os traballos estanse a desenvolver no río Tinto, no rego da Auga e en dous ríos innominados, nos seus percorridos polas parroquias de Cacheiras, Calo e Luou

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que rolda os 400 metros
As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Tinto, o rego da Augas, e dous ríos innominados no concello de Teo. 

Estas intervencións estanse a desenvolver nos percorridos do rego e dos tres ríos, ao seu paso polas parroquias de Cacheiras, Calo e Luou, neste municipio coruñés.

As actuacións desenvólvense ao longo de treitos que suman unha lonxitude total que rolda os 400 metros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2023