A Xunta entrega a próxima semana os IV Premios Galicia de Innovación e Deseño para recoñecer a profesionais e empresas de referencia

Os gañadores e gañadoras nas seis categorías do certame daranse a coñecer na cerimonia que terá lugar no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela o vindeiro xoves, 21 de decembro

Os galardóns, convocados pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, distinguen a profesionais e empresas que marcan a diferenza na innovación e no deseño ao servizo da transformación económica e social en Galicia
 

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia celebrará o vindeiro xoves 21 de decembro o acto de entrega dos IV Premios Galicia de Innovación e Deseño. Durante a cerimonia, que terá lugar ás 18.30 horas no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, daranse a coñecer os gañadores e gañadoras nas seis categorías deste certame.

Estes premios son unha iniciativa da Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Axencia Galega de Innovación– para distinguir a contribución de profesionais e empresas á transformación económica e social en Galicia a través das mellores prácticas en innovación e deseño.

Tres das categorías dos premios distinguirán a profesionais e equipos que contribúen de maneira relevante á mellora do prestixio do deseño galego e ás empresas que, ao incorporalo na súa estratexia de negocio, demostran o seu valor como panca de innovación. Na categoría de talento emerxente no deseño, son finalistas Amalia Puga (A Guarda), Borja Regueiro (Cerceda) e Ismael Velo (Ourense). Os profesionais candidatos son os deseñadores Álvaro Valiño (A Coruña), Tomás Alonso (Vigo) e Uqui Permui, nada en Fene e responsable do estudio Uqui Cebra, de Santiago de Compostela. As empresas preseleccionadas como casos de éxito de incorporación do deseño á súa estratexia empresarial son Ascensores Enor (Vigo), Costa Comunicación Visual (A Coruña) e Visual MS (O Porriño).

As outras tres categorías buscan recoñecer a profesionais e empresas de Galicia que contemplan a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. As pemes finalistas son Centum Research & Technology (Vigo), Mecanizados Rodríguez Fernández-MRF (O Pereiro de Aguiar) e Texas Controls (Bergondo). A maiores, serán entregados os premios das categorías de grande empresa e traxectoria innovadora á empresa de gran tamaño e á persoa que, a criterio do xurado, fixeron unha maior contribución nos últimos anos ao avance da innovación en Galicia de entre os candidatos e candidatas.

Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de grande empresa e o premio para empresas no apartado de deseño terán carácter honorífico, mentres que os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un. As persoas interesadas en asistir á cerimonia de entrega dos premios poden rexistrarse na web da Axencia Galega de Innovación.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2023