A Xunta investirá 44.000 € na redacción dos proxectos de urbanización e parcelamento da Cidade do transporte de Ponte Caldelas

O obxectivo é adaptar a urbanización existente para facilitar a implantación de empresas de todo tipo e non só as dedicadas ao transporte, como se prevía inicialmente

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2023

A Xunta destinará 43.977,45 euros á redacción dos proxectos de urbanización e de parcelamento da Central de transportes de Ponte Caldelas. Con tal fin, a Plataforma de contratos de Galicia publica hoxe a licitación, á que se poderán presentar ofertas ata o 24 de xaneiro de 2024.

O ámbito, cunha superficie total de 86.964 metros cadrados, está situado nunha zona de pendentes pouco pronunciadas no entorno da cidade de Pontevedra. A área limita ao sur coa ampliación do polígono industrial da Reigosa, do que está separado pola estrada provincial Reigosa-Pinto, e ao oeste, polo polígono industrial do Campiño.

O proxecto en licitación servirá para adaptar os terreos da Cidade do transporte a usos industriais xenéricos. Cómpre lembrar que o referido ámbito está nunha situación de urbanización case completa xa que as obras contempladas no proxecto sectorial da Central de Transportes están case rematadas.

O proxecto de urbanización e parcelamento ten por obxecto adecuar as obras existentes ao aprobado na modificación puntual do proxecto sectorial e facilitar así o asentamento de empresas dedicadas a actividades diferentes do transporte, que era o que estaba inicialmente previsto.

Modificacións previstas

Como cambios principais contemplará a adaptación da superficie das parcelas para introducir no deseño beirarrúas adecuadas para o tránsito peonil e unha rede de sendas verdes. Tamén se mellorará a mobilidade rodada, cunha nova rotonda para flexibilizar os percorridos no interior do ámbito, e a mobilidade alternativa, a través das mencionadas sendas verdes, que permitirán o uso peonil pero tamén a utilización da bicicleta.

No eido da accesibilidade, o proxecto propón un acceso e unha saída novos, que suporán unha mellora substancial sen introducir distorsións no sistema viario e aproveitando ao máximo a urbanización xa executada.

Optimizarase tamén a integración medioambiental e ecolóxica. As medidas propostas no deseño das zonas verdes así como o acompañamento de áreas axardinadas no sistema viario, van supoñer unha mellor integración ambiental e paisaxística.

En resumo, a proposta intentará aumentar as superficies de zonas verdes públicas, manter a superficie edificable prevista no mesmo e incrementar a superficie de sistema viario, de maneira que se podan resolver adecuadamente os distintos tipos de mobilidade.

 

Data de actualización: 17/12/2023