A Escola Galega de Saúde Pública afonda nas claves para definir un novo modelo de vixilancia epidemiolóxica

O Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) acolleu a xornada “ReDeseñando o futuro: cun enfoque dende a Saúde Pública”, na que expertos abordaron os retos para avanzar nun novo paradigma centrado na anticipación, a innovación e a investigación traslacional

A directora xeral de Saúde Pública destacou as importantes medidas que o Executivo está a desenvolver, como é o caso da creación do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades, ou do Observatorio e a Escola de Saúde Pública

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, participou esta mañá na xornada “ReDeseñando o futuro: cun enfoque dende a Saúde Pública”. Un evento no que expertos e profesionais do ámbito sanitario abordaron os principais retos para avanzar cara a un novo modelo de vixilancia epidemiolóxica, centrado na anticipación, a innovación e a investigación traslacional.

Organizado pola Escola Galega de Saúde Pública, o Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) acolleu o desenvolvemento dun acto que ten por obxectivo asentar as claves que definirán un novo modelo de vixilancia epidemiolóxica. Unha folla de ruta, salientou Durán na que é preciso continuar a traballar para “establecer un cambio dirixido cara á prevención, protección e promoción da Saúde”.

“A Sanidade do futuro debe falar máis de Saúde que de enfermidade. É dicir, falar máis de prevención que de enfermidade, e que o conxunto das súa intervencións consigan que as persoas non cheguen a converterse en pacientes”.

Segundo explicou,“a chegada da covid-19 supuxo un cambio de paradigma a nivel sanitario, e houbo que adaptarse ás necesidades da poboación”, unha crise que situou á Saúde Pública no centro de toda acción. Porén, a Xunta de Galicia está a impulsar un novo modelo de Saúde Pública que se baseará en cinco piares fundamentais.

En concreto, a intersectorialidade, na que á saúde se destaca como unha das bases de actuación en todas as políticas; o impulso de actividades de formación, investigación e innovación; ou o desenvolvemento de actuacións baseadas na evidencias científica e técnica que sitúen á cidadanía no centro. Así mesmo, o novo modelo incidirá na calidade da organización e tamén na capacidade para dar resposta á demanda dos servizos de Saúde Pública.

Carmen Durán destacou as importantes medidas que o Executivo galego está a desenvolver para avanzar neste eido da Sanidade, como é o caso da creación do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades, a creación do Observatorio de Saúde Pública, ou creación da Escola de Saúde Publica.

Durante a xornada, desenvolvéronse senllas mesas de diálogo na que especialistas sanitario analizaron por unha banda: a importancia da anticipación e o impacto dos ensaios clínicos e das novas tecnolóxicas no eido da Saúde Pública e, por outro lado, tamén se achegou unha visión de futuro sobre como debe se o novo modelo de vixilancia epidemiolóxica.

Coa colaboración de Pfizer e Petri, a xornada tamén contou coa participaron a directora Xeral de Calidade, Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez; o xerentes da Axencia Galega en Saúde, Antonio Fernández-Campa; a directora do IDIS, María Luz Couce, ou o xefe de Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón.

Data de actualización: 15/12/2023