A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe o centro de día e ocupacional de Cogami en Silleda, coincidindo coa publicación no DOG de tres novas convocatorias de concerto social

A Xunta concerta coas entidades sociais prazas residenciais e de atención diúrna para persoas con TEA, discapacidade física e con problemas de saúde mental

Convócanse 258 prazas para persoas con discapacidade física, 257 para os coidados a persoas con TEA e 33 en centros de día especializados na atención a persoas dependentes con enfermidade mental

As entidades de iniciativa social interesadas teñen un mes de prazo, a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Administración autonómica
 

Silleda (Pontevedra), 15 de decembro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, reafirmou hoxe a confianza que ten o Goberno galego nas entidades sociais para achegar coidados especializados alí onde son necesarios. Díxoo durante unha visita ao centro de día e ocupacional de Cogami en Silleda, que coincide coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) de tres novas convocatorias de concerto social para consolidar a rede pública de atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), con discapacidade física e con problemas de saúde mental.

En concreto, convócanse 258 prazas residenciais e de atención diúrna para persoas con discapacidade física; outras 257 para os coidados a persoas con TEA e 33 prazas especializadas na atención a persoas dependentes con enfermidade mental. Esta oferta de prazas é para o período 2024-2028 e inclúe o servizo de transporte vinculado ás mesmas.

As organizacións do terceiro sector teñen un mes de prazo, a contar a partir de mañá, para presentar as súas propostas. Terán que facelo obrigatoriamente a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica.

Acordo histórico

A directora xeral explicou que coa convocatoria destes concertos, estase a desenvolver o acordo histórico asinado o pasado mes de novembro co terceiro sector. Serán en total seis concertos sociais para a atención á discapacidade intelectual, física, TEA, parálise cerebral, enfermidade mental e dano cerebral adquirido. O investimento nestas seis convocatorias superará os 100 millóns de euros ao ano.

A través dos concerto sociais, a Xunta garante a continuidade de máis de 5.000 prazas asistenciais, evita que os usuarios teñan que percorrer longas distancias para acceder a un servizo e dá unha maior estabilidade ás entidades para que poidan manter no tempo servizos que son fundamentais para as familias. Así mesmo, increméntase nun 30% o investimento con respecto aos contratos actuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023