A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Belelle e Basteiro no concello de Neda

Estes traballos están levándose a cabo en treitos interurbanos destes dous ríos para eliminar os arrastres das últimas riadas

Estas intervencións engádense ás actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza en treitos interurbanos do río Belelle e do río Basteiro, ao seu paso polo concello de Neda.

Estes traballos comezaron polo río Basteiro e enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

As actuacións que se están a desenvolver nestes ríos desenvólvense nos seus percorridos por distintos lugares do municipio coruñés.

As tarefas comezan pola retirada de árbores e ramas caídas na canle, que en moitos casos foron depositadas polo caudal de avenida consecuencia das fortes precipitacións.

Puntualmente acométense traballos de apeo de árbores inclinadas e poda de ramas, nas que se detecte claro risco de caída e que poden ocasionar barreiras que dificulten a normal circulación do caudal.

As actuacións inclúen a retirada de obstáculos naturais que ocasionen dificultades para a normal circulación, así como a roza selectiva de acceso a canle.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa no ámbito territorial da zona Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e o uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2023