O padroado da Fundación Galicia Europa aborda o plan de actuacións de 2024 de cara ao novo ciclo institucional europeo

Entre as prioridades están a recuperación da presencialidade do curso de financiamento comunitario ‘TecEuropa’ e a continuidade doutras actividades como a información sobre asuntos europeos e a iniciativa EuroXuventude

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

O padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela para avaliar o seu plan de actuacións de cara ao vindeiro 2024. A súa presentación correu a cargo do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que subliñou a importancia do traballo da FGE na súa misión de achegar Galicia e Europa, especialmente nun ano que estará marcado polo cambio de ciclo institucional na Unión Europea en vista das eleccións europeas previstas para o mes de xuño.

Durante o tramo final da lexislatura do Parlamento Europeo e do mandato da Comisión, a FGE seguirá atenta, entre outros expedientes de interese para a nosa rexión, á evolución da política pesqueira común (PPC), á revisión lexislativa que está tendo lugar co obxectivo de acadar a neutralidade climática e á revisión do orzamento comunitario e das súas posibles implicacións no futuro da política de cohesión.

No que respecta a outras actividades da FGE, destaca a vontade de recuperar as edicións presenciais do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa. Así mesmo, daráselle continuidade ao ciclo de Encontros Virtuais Xunta-UE, o foro de debate mensual entre a administración autonómica e as institucións europeas.

Seguirá sendo igualmente destacado o traballo enmarcado na iniciativa EuroXuventude, actualmente vinculada á participación en cinco proxectos europeos que seguirán vixentes durante o 2024. E no eido da información sobre a UE, a FGE reitera a súa aposta pola difusión de contidos a través da súa páxina web, do seu boletín de carácter mensual e das súas redes sociais.

A misión da Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para "exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”.

Os seus catro ámbitos de actuación son: a defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos, a difusión de información sobre a UE en Galicia e a formación sobre as institucións comunitarias. Para a consecución destes obxectivos, a FGE conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023