A delegada territorial acudiu esta mañá ao convento e CPR Sagrado Corazón MM. Mercedarias beneficiario dunha achega do Inega

Martina Aneiros compromete o apoio da Xunta a iniciativas empresariais de mellora da eficiencia enerxética durante unha visita a Mercedarias Ferrol

As actuacións, obxecto dunha subvención de preto de 17.000 euros, consistiron na instalación de novos equipos de iluminación con tecnoloxía LED

Ferrol, 15 de decembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o convento e CPR Sagrado Corazón MM. Mercedarias nos que a Xunta apoiou unha actuación de aforro e eficiencia enerxética.

Os traballos, que recibiron unha achega do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) por valor de 16.850 euros, consistiron na instalación de novos equipos de iluminación con tecnoloxía LED, tanto no convento como nas dependencias do centro educativo que xestiona a orde relixiosa.

A delegada territorial lembrou que o obxectivo da convocatoria destas axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas do sector industria e servizos é o de fomentar a eficiencia enerxética e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.  “Cada vez máis camiñamos cara un uso máis racional das enerxías e a procura de novas fontes enerxéticas renovables e desde o Goberno galego seguiremos prestando o noso apoio ás iniciativas empresariais que persigan este obxectivo, como foi o caso de Mercedarias Ferrol”, asegurou Aneiros.

A convocatoria contou cun orzamento de 5 M€ (financiados con fondos comunitarios derivados do Programa operativo Feder-Galicia 2014-2020), dos que preto de 443.000 euros recaeron en empresas das comarca de Ferrol, Eume e Ortegal.

Entre as actuacións subvencionadas figuran investimentos en substitución ou mellora de equipamentos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo do sector industrial e de servizos, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento; a renovación ou mellora de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas; a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual do consumo de, ao menos, un 40 %, e a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as que se solicita axuda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023