A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, visitaron hoxe o centro público autonómico

A Xunta destaca que a residencia Volta do Castro de Santiago converteuse na primeira en completar a transformación tecnolóxica

O Goberno galego está a dixitalizar todos os centros públicos autonómicos para poñer as vantaxes tecnolóxicas ao servizo de traballadores e usuarios

Dotouse a estes centros de monitores multiparamétricos, creáronse habitacións intelixentes con sensores e instaláronse sistemas de rehabilitación virtual

Tamén se mellorou o fluxo da información entre o ámbito social e sanitario co uso da Historia Clínica Electrónica e a creación do Cenres

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, visitaron esta mañá os usuarios da residencia pública autonómica de Volta do Castro, en Santiago. Durante a visita, Fabiola García destacou que este centro converteuse no primeiro en completar a transformación tecnolóxica que o Goberno galego está a implantar no ámbito sociosanitario.

A conselleira lembrou que a Xunta iniciou no ano 2021 a transformación dixital dos centros públicos autonómicos para poñer a tecnoloxía ao servizo dos usuarios e traballadores e levar as residencias galegas á vangarda no ámbito dos coidados. Entre as melloras implantadas atópanse os monitores multiparamétricos que miden os datos de saúde dos usuarios para poder establecer alertas e pautas para cada un

Así mesmo, creáronse habitacións intelixentes con pantallas táctiles e sensores que permitan mellorar a comunicación entre os usuarios e o persoal e facer un seguimento da temperatura, a humidade ou detectar posibles caídas dos usuarios. Tamén se instalaron sistemas de rehabilitación virtual para mellorar as capacidades físicas e cognitivas dos usuarios e coñecer a súa evolución. 

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou que todo este sistema supón un avance moi importante para a mellora da calidade de vida e asistencia ás persoas residentes e suma investimentos duns 7 millóns de euros. Estas actuacións enmárcanse nun novo modelo de atención que se estenderá tamén ao fogar intelixente para a promoción da autonomía persoal.

Corgos lembrou que para a Xunta o obxectivo prioritario da transformación dixital e do uso das tecnoloxías é mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas e poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas. 

Historia Clínica Electrónica

Outra das novidades destes centros é que agora contan con sistemas que melloran o fluxo da información entre o ámbito social e sanitario gracias á implantación da Historia Clínica Electrónica e a creación do Cenres, un censo de residentes que aglutina a súa información social e sanitaria.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023