A Policía autonómica esclarece un incendio forestal en Boiro

Como resultado da investigación e grazas á colaboración da Policía Local e da veciñanza, determinouse que o lume foi intencionado e logrouse identificar a persoa autora

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita (UPA) en Santiago esclareceron un incendio forestal rexistrado no concello coruñés de Boiro o pasado 12 de outubro. O lume produciuse na parroquia de Espiñeira e afectou 0,72 hectáreas de superficie arborada. 

Como resultado da investigación e grazas á colaboración da Policía Local e da veciñanza, determinouse que se trataba dun incendio intencionado e logrouse identificar a persoa autora, da que xa constaban varios antecedentes policiais por provocar lumes forestais de xeito intencionado.  

Os axentes tomáronlle declaración e remitiron as dilixencias ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira. 

No que vai de ano, a UPA leva  investigadas 23 persoas como presuntas autoras de incendios forestais. 

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. 

 

Data de actualización: 15/12/2023