Galicia reduciu a súa débeda ata o 16,1 % do PIB no terceiro trimestre e sitúase 6,2 puntos por debaixo da media de comunidades

A ratio débeda/PIB de Galicia é seis décimas inferior á rexistrada no trimestre anterior

Ademais, a débeda por habitante sitúase na Comunidade galega nos 4.469 euros fronte aos 6.627 da media autonómica

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,1 % no terceiro trimestre do ano, segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España.

Galicia foi ao peche do terceiro trimestre de 2023 a quinta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é tamén seis décimas inferior á rexistrada no trimestre anterior, cando foi do 16,7 %.

Ademais, a Comunidade galega ten un diferencial coa media autonómica 6,2 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades que se situou ao peche do terceiro trimestre en 22,3 %.

A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.469 euros fronte aos 6.627 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.158 euros menos que a media autonómica.

Volume de débeda

Hai que lembrar que o Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

Ademais, logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento, que se consolidará o vindeiro ano, xa que os orzamentos para 2024, por primeira vez nos últimos 16 anos, están elaborados sen novo endebedamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023