A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou cadanseu convenio de colaboración cos alcaldes destes municipios

A Xunta concede 6,3 M€ en préstamos sen xuros a 15 concellos para financiar actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles municipais

Ángeles Vázquez pon en valor que, nas 7 convocatorias desta iniciativa, o Goberno galego leva concedidos 24 M€ para impulsar 102 actuacións

Este fondo finánciase con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida

Ao abeiro desta iniciativa, o Concello de Porto do Son converterá un inmoble, en esqueleto e abandonado desde hai anos, no futuro centro de saúde da localidade

Porto do Son (A Coruña), 15 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia concede 6,3 millóns de euros en préstamos sen xuros a 15 concellos para financiar actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles municipais, segundo explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de sinatura dos convenios de colaboración cos municipios beneficiarios.

A vicepresidenta segunda subliñou que este programa de financiamento ten por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio.

Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que estes préstamos, que se conceden ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos.

Ademais, cómpre salientar que este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.

Nesa liña, a representante autonómica puxo en valor que nas 7 convocatorias desta iniciativa, a Xunta leva concedidos 24 millóns de euros para impulsar 102 actuacións de rehabilitación ou conservación en concellos de toda Galicia, que permitiron preservar o patrimonio xa construído e, ao mesmo tempo, dotar de novas prestacións á veciñanza para mellorar a súa calidade de vida.

“Desde a Xunta creemos firmemente na rehabilitación e na recuperación do xa construído porque é fundamental para as nosas vilas e para a imaxe de Galicia, pero, sobre todo, para a veciñanza porque vai vivir en contornas máis amables e tamén con mellores servizos”, aseverou Ángeles Vázquez.

Este ano, serán 24 as actuacións municipais que se executarán ao abeiro deste programa, grazas aos convenios de colaboración asinados entre a Xunta e os 15 concellos beneficiarios -Ares, Barbadás, Begonte, Curtis, Fornelos de Montes, Gondomar, Lousame, Marín, Mesía, Moaña, Palas de Rei, Porto do Son, Verín, Vilagarcía de Arousa e Xermade-.

Entre as actuacións que se levarán a cabo, Ángeles Vázquez salientou o proxecto de Porto do Son para converter un inmoble, en esqueleto e abandonado desde hai anos, no futuro centro de saúde da localidade. A maiores, os concellos tamén financiarán iniciativas para a humanización de rúas e núcleos municipais, o acondicionamento de edificios municipais, a dotación e mellora de instalacións deportivas, ou a rehabilitación e posta en valor de inmobles de especial valor histórico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023