A Xunta saca a licitación a construción de 24 novas vivendas de promoción pública en Santiago por 4,6 M€

Este proceso para a edificación dun inmoble na zona de Lamas de Abade engádese ao xa iniciado a semana pasada para outro de 12 vivendas por 2,6 millóns de euros

É a cuarta promoción do Executivo galego no que vai de ano tras saír a concurso as obras para a construción de 40 vivendas en Xuxán (A Coruña), 38 en San Paio de Navia (Vigo) e 24 no Castiñeiriño (Santiago)

Todas estas actuacións enmárcanse na Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida aprobada polo Goberno autonómico en marzo e que durante a súa primeira fase de execución prevé edificar un total de 375 inmobles públicos nas cidades, cun investimento estimado de preto de 70 M€

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia iniciou hoxe a licitación da construción dun edificio de 24 vivendas de promoción pública (VPP) na zona de Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, cun orzamento base de licitación de 4,63 millóns de euros. Esta licitación engádese á iniciada a semana pasada para outro inmoble de 12 VPP no mesmo barrio compostelán por importe de 2,6 millóns de euros.

O obxectivo do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é adxudicar e iniciar as obras de ambas promocións ao longo de 2024, que reforzarán as máis de 270 vivendas que integran actualmente o parque público da Xunta na capital galega. No caso deste edificio de 24 vivendas o prazo de execución será de ano e medio mentres que no de 12 o prazo será de 15 meses.

Os novos inmobles adxudicaranse en réxime de alugueiro entre as persoas inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda en Santiago, que deberán acreditar uns ingresos de entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem (fixado en 8.400 €/ano).

Este edificio de 24 VPP en Lamas de Abade disporá de 3 plantas subterráneas -2 sotos e 1 semisoto- onde se situarán 36 prazas de garaxe, 24 rochos e os locais para instalacións comúns e outros servizos do edificio. Ademais, na planta baixa e nas 3 superiores estarán localizadas as vivendas, 6 en cada unha, cun total de 11 pisos con 3 dormitorios; outros 11 dotados con 2 cuartos -1 deles adaptado para persoas con mobilidade reducida-, e 2 máis con 1 dormitorio.

A superficie útil das vivendas de 3 dormitorios oscilará entre os 86,36 e os 86,77 metros cadrados, mentres que as de 2 terán entre 68,75 e 69,06 metros cadrados, e o tamaño das 2 vivendas de 1 dormitorio será de 57,98 metros de superficie útil.

En canto á promoción licitada a semana pasada, estará integrada por outras 12 novas VPP e constará de 5 plantas divididas en soto, semisoto, planta baixa e 2 alturas máis. Con respecto ás características dos inmobles, 10 serán vivendas de 3 dormitorios, cunha superficie útil de entre 86,56 e 91,66 metros cadrados, e as outras dúas terán 2 estancias e un tamaño de 80,69 metros cadrados. Ademais, o edificio disporá de 12 rochos e 18 prazas de garaxe, localizados nas plantas subterráneas.

Cuarta promoción

Estas dúas licitacións supoñen a cuarta promoción de vivendas públicas que a Xunta pon en marcha no que vai de ano, despois de que o pasado mes de xullo iniciara o procedemento para contratar a construción de 38 vivendas en San Paio de Navia (Vigo), a comezos de agosto licitara outras 40 en Xuxán (A Coruña) e a mediados de outubro se licitaran os traballos para rematar as obras xa en marcha para a construción dun edificio de 24 VPP no Castiñeiriño (Santiago).

Todas estas promocións a cargo do IGVS enmárcanse na Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida, aprobada polo Executivo galego o pasado mes de marzo e que se marca como obxectivo principal incrementar nun 50% o actual parque público residencial de Galicia ata alcanzar as 5.600 vivendas no ano 2026.

A tal fin, durante a súa primeira fase de execución prevé edificar un total de 375 inmobles públicos nas cidades de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago cun investimento estimado de preto de 70 millóns de euros.

Data de actualización: 15/12/2023