A Xunta somete a información pública a aprobación inicial do Plan estruturante do polígono de Coristanco

Prevé desenvolver un novo ámbito duns 64.000 m2 e que podería superar os 173.000 m2

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

A Xunta avanza na tramitación do futuro parque empresarial de Coristanco, que será o primeiro deste municipio coruñés, coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do anuncio polo que se somete a información pública a aprobación inicial do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) que permitirá o seu desenvolvemento.

Durante un prazo de 20 días hábiles, todos os interesados poderán presentar as alegacións, documentos e xustificantes que estimen pertinentes ao referido plan.

O futuro polígono de Coristanco é unha das actuacións previstas no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia. Localizado na parroquia de Oca, no enlace entre as estradas AC-552 e AG-55, desenvolverase en dúas fases.

A primeira abranguerá unha superficie de 64.000 metros cadrados, na que se incluirán as parcelas necesarias para atender as necesidades actuais das empresas así como as zonas comúns, viarios e servizos que requirirá o parque. En todo caso, a previsión é que poida chegar ata os 173.000 metros, en función de como evolucione a demanda.

Cómpre lembrar que o PEOSE do polígono de Coristanco superou o trámite de avaliación ambiental o pasado mes de xuño e desde entón, o Instituto Galego da Vivenda e Solo continuou avanzando na súa tramitación. Pola súa banda, a empresa pública Xestur será a encargada de impulsar as obras de urbanización do novo parque empresarial.

Data de actualización: 15/12/2023