A Xunta inaugura as obras de remodelación do pavillón Agra II no que adestran clubs, entidades deportivas e centros educativos da cidade coruñesa

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor o potencial do tecido deportivo coruñés que contará cun espazo renovado

No acto houbo unha xincana de alumnado do IES Rafael Dieste, que fai uso do pavillón, e tamén unha exhibición de DBK escola de taekwondo, do que forma parte Helena García, unha das promesas desta disciplina

A Xunta mantén o seu compromiso coas instalacións deportivas da cidade cun investimento de 2 M€ neste pavillón e nos de Monte Alto, Monte das Moas e Elviña II

A Coruña, 15 de decembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe á inauguración das obras de remodelación do pavillón polideportivo Agra II, que supuxeron un investimento de máis de 495.000 euros co obxectivo de dotar dun espazo renovado para o adestramento dos clubs e entidades deportivas que fan uso das instalacións, así como os particulares que alugan a pista polideportiva. Ao acto tamén asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.

Entre as entidades usuarias inclúese o alumnado do IES Rafael Dieste que emprega o pavillón nas súas horas lectivas e que hoxe participou no acto cunha xincana. Tamén interveu o director da canteira do Club Básquet Coruña, Rubén Vázquez, outro dos clubs que adestran nestas instalacións. Tamén se beneficiarán das melloras realizadas, entre outras entidades, o Club Patinaxe Lenda, o Club Deportivo Galicia Rollers, 5 Coruña Fútbol Sala ou Asperga.

Diego Calvo puxo en valor o talento do deporte coruñés e do tecido asociativo tanto da cidade como de toda a comunidade. De feito, no acto de hoxe tamén se celebrou unha exhibición por parte de DBK escola de taekwondo, á que pertencen Helena García e da que forman parte do staff técnico a súa nai Meri Suárez e a súa irmá Sara García, ambas exdeportistas de alto nivel.

Como lembrou o vicepresidente primeiro, Helena García é con só 16 anos unha das grandes promesas deste deporte en España e unha das principais referentes do taekwondo galego. Este ano foi a única deportista con ouro nos tres campionatos nacionais nas categorías superiores -junior, sub21 e absoluto- e xa ten acadado importantes triunfos a nivel internacional.

As actuacións levadas a cabo en Agra II incluíron melloras na accesibilidade coa instalación dunha rampla na zona de exterior, reparacións da estrutura, saneado da envolvente, o pintado e o alicatado das zonas interiores, a renovación do pavimento deportivo da pista principal, o equipamento en vestiarios, así como a substitución das instalacións de fontanería, ventilación, protección contra incendios e electricidade.

A reforma rematada neste pavillón súmase ás xa feitas no pavillón de Monte Alto o pasado marzo. Ademais, a Xunta vén de licitar por case 800.000 euros os traballos no pavillón de Monte das Moas e están pendente de licitarse os de Elviña II. En total, as melloras nas catro instalacións ascenden a un montante de 2 millóns de euros.

Cómpre lembrar ademais que o compromiso da Xunta coas infraestruturas deportivas da cidade coruñesa esténdese tamén a outras melloras previstas nos pavillóns de Elviña I, Agra I e Sardiñeira por valor doutros 5,5 millóns de euros, no marco do novo contrato de xestión asinado o ano pasado.

Bono Deporte

Por outra parte, o vicepresidente primeiro lembroulles ás organizacións asistentes que o 30 de decembro remata o prazo para a adhesión dos establecementos comerciais e entidades deportivas e prestatarios de servizos deportivos.

O Bono Deporte ten por finalidade axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos en nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa Xogade cun investimento de máis de 16 millóns de euros con desconto do 80 % nos gastos ata chegar a un máximo de 120 euros. Esta medida afonda nas políticas públicas de soporte ao deporte de base que, en Galicia, teñen como medida estrela o seguro deportivo gratuíto para os nenos en idade escolar obrigatoria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023