O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, reúnese cos directores dos catro colexios e institutos onde haberá novas actuacións

Román Rodríguez anuncia catro novas obras en centros escolares da cidade de Pontevedra que elevan o investimento en marcha da Xunta a máis de 10 M€

Román Rodríguez destaca que estas actuacións mellorarán o día a día da comunidade educativa, con centros con maior confort térmico e máis accesibles

A terceira fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Froebel contará cun orzamento de 1,1M€ e licitarase en 2024

A ampliación da Escola de Educación Infantil EEI Concepción Crespo Rivas licitarase antes de fin de 2023, cun orzamento de case 750.000€

No Instituto IES A Xunqueira II investiranse 190.000€ para a instalación dun ascensor e renovación e adaptación de aseos

En 2024 redactarase o proxecto para a mellora da accesibilidade do Instituto IES Frei Martín Sarmiento, cun orzamento pendente aínda de concretar

Están en execución obras por importe de 8M€ no Instituto IES Valle-Inclán, no CIFP Carlos Oroza, no IES Luís Seoane e no Colexio CEIP A Xunqueira

As novas actuacións consolidan un investimento de máis de 25M€ desde 2009

Pontevedra, 15 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe catro novas actuacións en centros escolares da cidade de Pontevedra, o que eleva o investimento en marcha da Xunta de Galicia a máis de 10M€. O titular do departamento educativo do Goberno galego, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reuniuse hoxe cos directores dos catro centros da cidade do Lérez nos que se van iniciar proximamente novas actuacións por importe de 2M€ para informalos destes proxectos. Son, en concreto, o Colexio CEIP Froebel, na Escola de Educación Infantil EEI Concepción Crespo Rivas, no IES A Xunqueira II e no Instituto IES Frei Martín Sarmiento.

Román Rodríguez destacou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros, e teñen como obxectivo mellorar o día a día dos membros da comunidade educativa, acadando centros con maior confort térmico e máis accesibles, entre outros beneficios.

Entre as novas actuacións, unha das máis relevantes e a terceira fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Froebel. Neste momento o proxecto está en redacción e o investimento previsto é de 1,1M€. A obra licitarase no ano 2024 e, tal e como explicou o conselleiro, o programa de necesidades inclúe a reparación integral das cubertas que faltan por mudar, unha superficie de 1.432m². Así mesmo, renovaranse os aseos da torre central, mellorarase o illamento térmico e cambiaranse falsos teitos e luminarias na zona de aulario e renovaranse as instalacións eléctrica e de protección contra incendios.

Tamén se acometerán melloras de gran calado na Escola de Educación Infantil EEI Concepción Crespo Rivas, que se ampliará cun orzamento de case 750.000€. A licitación desta obra publicarase antes de que remate este ano, tal e como sinalou o conselleiro. A superficie ampliada será de 245m², distribuídos en sala de usos múltiples, aula desdobre, sala de profesores, cuartos de instalacións e actuación servirá para adecuar espazos educativos a oferta docente.

Así mesmo, realizaranse novos investimentos no Instituto IES A Xunqueira II, que se licitarán tamén antes do fin de 2023 cun investimento de máis de 190.000€. En concreto, instalarase un ascensor e renovaranse e adaptaranse os aseos das plantas primeira e segunda.

A maiores, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades redactará ao longo do ano 2024 o proxecto para a mellora da accesibilidade do Instituto IES Frei Martín Sarmiento, cun orzamento pendente aínda de concretar.

Máis de 25M€ desde 2009

O conselleiro destacou que todas estas obras previstas para o vindeiro ano “se suman ás realizadas en centros educativos da cidade de Pontevedra desde 2009, cun investimento total de máis de 25M€”.  Delas, están en execución catro actuacións por importe de 8M€.

Trátase de intervencións tan importantes como a remodelación integral que se está a acometer no Instituto IES Valle-Inclán que, con 4,7M€, é a obra de reforma de maior investimento en execución neste momento en Galicia; ou a terceira fase da ampliación do CIFP Carlos Oroza (2,3M€). Tamén están en marcha na actualidade a reforma de espazos para FP no Instituto IES Luís Seoane, que conta cun investimento de máis de 900.000€, e a mellora da accesibilidade do Colexio CEIP A Xunqueira (173.000€).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023