O presidente participou no acto de inauguración do Museo de Automoción e Historia da Fundación Jorge Jove en Arteixo

Rueda destaca a importancia do Museo de Automoción e Historia da Fundación Jorge Jove como un gran exemplo de promoción da cultura neste sector

Valora a relevancia do sector automobilístico como xerador de emprego e riqueza para a nosa comunidade

Recalca que este sector acolle ao redor do 14% dos traballadores galegos

Asegura que a Xunta seguirá procurando un reparto xusto dos fondos europeos por parte do Goberno central

Arteixo (A Coruña), 14 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia do Museo de Automoción e Historia como un gran exemplo de promoción da cultura neste sector.

Así o salientou na inauguración do Museo da Fundación Jorge Jove, que inclúe un traballo de escolma, restauración, documentación e análise de pezas automobilísticas históricas. Este Museo alberga en 12 salas, que superan os 15.000m2, máis de 300 vehículos e varios centos de pezas de gran valor. No espazo expositivo poderase explorar a historia do automobilismo e a súa relación coa música, a literatura, a arte, o deporte, a economía ou o cine.

Na súa intervención, o presidente da Xunta valorou a relevancia do sector automobilístico como xerador de emprego e riqueza para a nosa comunidade e agradeceu a importancia desta fundación e do traballo do seu presidente, Ángel Jove González, en pro da divulgación cultural en Galicia. Rueda tamén valorou a traxectoria do seu fundador, Ángel Jove Capelán, polo seu salientable papel económico á fronte de Anjoca, que serviu para enriquecer o tecido empresarial galego.

Un sector con moita relevancia

O titular do Goberno galego destacou a importancia do sector automobilístico para a nosa comunidade, xa que en torno ao 14% dos traballadores galegos pertencen a el. Ademais, salientou que Galicia segue liderando a produción de vehículos a nivel nacional, cunha cota de mercado do 19%.

Alfonso Rueda puxo en valor que a comunidade galega manifesta o seu compromiso con este sector, destinando desde 2009 máis de 220 millóns de euros para formación e desenvolvemento de proxectos. Deste mesmo xeito, lamenta que desde o Goberno central estean incumprindo a súa promesa de repartir igualitariamente os fondos europeos Next Generation, que son imprescindibles para o avance das empresas deste ámbito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023