A Xunta pon en valor o papel da comunicación para enfrontar os retos do sector público

A Escola Galega de Administración Pública pecha o Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia

Durante o acto de clausura a directora da Escola resaltou a importancia da comunicación por ser un dos alicerces fundamentais das nosas institucións e por incrementar os niveis de transparencia
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, clausurou hoxe o curso Superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia onde destacou o papel da comunicación para superar os retos do sector público durante a clausura

Durante a clausura, a directora da Escola subliñou a importancia da comunicación por ser un dos alicerces fundamentais das nosas institucións e lembrou que xestionada adecuadamente incide de maneira positiva nos niveis de transparencia. Ademais, enfatizou a relevancia desta ferramenta en momentos de crise pola súa utilidade para trasladar mensaxes á sociedade, sendo o exemplo máis próximo a pandemia pola Covid-19.

Ante a relevancia desta materia, Sonia Rodríguez-Campos fixo fincapé na necesidade de ofertar formación específica sobre comunicación ao persoal empregado público e anunciou a convocatoria en 2024 dun curso sobre comunicación e liderado nas administracións públicas.

Curso superior de planificación estratéxica

O curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia é unha acción formativa de 40 horas deseñada pola Escola Galega de Administración Pública, ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia, co obxectivo de amosar os principais retos e medidas en materia de planificación estratéxica da economía pública galega, co fin de garantir o desenvolvemento económico sostible e asegurar que os recursos se utilicen de maneira responsable e eficiente.

Durante as sesións docentes o alumnado recibiu formación específica en materia de novas tecnoloxías, xestión de recursos humanos, fondos europeos, simplificación administrativa ou economía pública, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023