A Xunta pon aos empresarios do polígono do Tambre como exemplo do espírito da industria galega

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou no acto homenaxe ás empresas que cumpren 25 anos na Asociación, onde destacou a importancia de apostar pola cooperación público-privada para impulsar o desenvolvemento industrial e económico de Galicia

Lembra que o Goberno galego ultima a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle que servirá de punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais

Subliña a importancia do Polo Biotecnolóxico de Galicia, que está a permitir industrializar un sector en auxe na Comunidade a través da investigación e o asentamento e nacemento de novas empresas

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no acto de homenaxe organizado pola Asociación Empresarial do Tambre ás empresas que suman 25 anos como membros da mesma. Un marco no que destacou a importancia de seguir a impulsar a cooperación público-privada para promover o desenvolvemento industrial e económico de Galicia.

 

“As distintas administracións debemos apoiar, acompañar e poñer ao dispor das empresas as ferramentas necesarias para identificar novas oportunidades para o avance da nosa industria”, apuntou Toca, quen puxo ás empresas homenaxeadas como “exemplo claro” do espírito da industria galega.

 

Esta ducia de compañías -Almacenes Moure, Alugal, Asociación Provincial de Talleres, Bricosa Santiago, Carpintería Illobra, Comercial Gobertel, Cotelga, Fademga, Inturasa Pérez Rumbao, Neumáticos Tino Santiago, Talleres Uzalvi, Tamesa Santiago-, expuxo a directora, contribúen de modo decisivo na comarca á “creación de emprego, a xerar oportunidades laborais e a garantir a competitividade”.

 

Neste marco, e na procura de facilitar o desempeño do tecido empresarial, a directora lembrou que o Goberno galego está a ultimar a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle que servirá de punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, e que contará con persoal especializado en todas as áreas.

 

Así mesmo, referiuse tamén ao Polo Biotecnolóxico de Galicia - Sionlla Biotech, que está a facilitar xa tanto o asentamento como o nacemento de novas empresas. “Estamos a falar dun proxecto que permitirá industrializar un sector en auxe en Galicia, onde concentrar todo un ecosistema que axude, facilite e fomente a investigación biotecnolóxica”, afondou.

 

Este é un exemplo desa colaboración público-privada, na que participa a Asociación de empresarios do Tambre, a Cámara de Santiago, a Universidade e o Concello, e que conta co apoio da Xunta a través do programa de axudas para Centros de Fabricación Avanzada, que xa ten promovido por toda Galicia 6 proxectos cun orzamento que acada os 16 M€, entre eles o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas que vai albergar Sionlla Biotech.

Data de actualización: 14/12/2023