Lete Lasa supervisa a reforma do pavillón da Sanguiñeda e informa ao tecido deportivo de Mos do Bono Deporte

A cuberta do pavillón municipal da Sanguiñeda está a ser reformada cun orzamento de 48.000 euros, sendo achegado pola Xunta o 80% grazas á orde de subvencións para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal

O pavillón da Sanguiñeda e outras instalación municipais tamén estrearán equipamento deportivo ao ter sido tamén o Concello de Mos beneficiario na segunda liña da orde
 

Mos (Pontevedra), 14 de decembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, supervisou no serán de hoxe o estado da reforma do pavillón municipal da Sanguiñeda, que se está a levar a cabo grazas ao financiamento da Xunta de Galicia.
 
En concreto, estas actuacións lévanse a cabo a través da orde de subvencións para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable que, ao longo deste 2023, contou con dúas convocatorias e pola que o 66% dos municipios galegos víronse beneficiados.

En total foron repartidas unhas 280 axudas -entre infraestruturas e equipamento- para os concellos de Galicia, cun investimento total de preto de 8 millóns de euros (preto de 6 millóns na primeira convocatoria e máis de 2 millóns na segunda).

No caso do pavillón municipal da Sanguiñeda, a actuación trátase da reforma da cuberta debido ao paso do tempo xa que na súa parte translúcida ocorren filtracións de auga, así como realizar novos canlóns corridos no exterior da fachada con baixantes exteriores par evitar os problemas de humidades. Esta actuación conta cun orzamento total de máis de 48.000 euros sendo achegados pola Xunta o 80%, con máis de 38.660 euros.

Ademais, cómpre salientar que o propio pavillón municipal da Sanguiñeda contará con novo material grazas a que o Concello de Mos tamén foi beneficiario da segunda liña de axudas desta orde polo que adquiriu equipamento deportivo por importe total de 12.500 euros, sendo sufragado pola Xunta o 80% (10.000 euros). Ademais da Sanguiñeda, os campos de fútbol municipais das Baloutas e Cotorrón contarán cun novo marcador e tamén se instalará novo equipamento no pavillón municipal Óscar Pereiro -ximnasio e piscina-.

Neste 2023 as tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas que a Xunta puxo en funcionamento e que xa foron resoltas. Ademais das dúas convocatorias da orde para concellos tamén se puxo en marcha a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros).

Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico en materia de deportes da Vicepresidencia Primeira, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros e que de cara a 2024 volverá ascender ata os 56 millóns de euros.

Bono Deporte

Gran parte deste incremento orzamentario no ámbito deportivo irá destinado ao financiamento do Bono Deporte que contará cun presuposto total de máis de 16 millóns de euros. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo un encontro co tecido deportivo de Mos para responder as súas dúbidas sobre estas axudas que veñen de ser aprobadas polo Consello da Xunta da pasada semana. A descarga dos bonos estará operativa dende o 8 de xaneiro de 2024 ata o 29 de febreiro, e poderán usarse ata o 1 de xullo de 2024. A tramitación como expediente anticipado de gasto, permite unha mellor planificación do novo programa, maximizando os obxectivos do Bono Deporte.

O Bono Deporte ten por finalidade axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos en nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). Cada neno ou nena recibirá 120 euros (I.V.E. incluído) para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas, tratándose dun desconto do 80% nos gastos ata chegar a eses 120 euros para cada caso. O devandito gasto deberá realizarse en establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos radicados en Galicia que se adhiran ao Bono Deporte. A Xunta de Galicia pon a disposición dos cidadáns o correo bonodeporte@xunta.gal para dúbidas e suxestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023